Pasaporte Solidario 2022-2023

No curso 2019-2020, unificamos, dentro do Plan Proxecta, todas as accións vinculadas ao ámbito da acción voluntaria que temos desde a Consellería de Política Social baixo a denominación Voluntariado Educativo. Con esta medida buscamos concentrar e favorecer a creación dun itinerario formativo completo neste ámbito, coa finalidade de promover os valores da solidariedade, a participación e o voluntariado, favorecendo que o alumnado adquira un compromiso e implicación social a través dunha metodoloxía activa e participativa, coñecedora da realidade na que se integra.

Así mesmo, e co obxectivo de completar este itinerario, incorporamos ao Plan Proxecta o programa Pasaporte Solidario. Deste xeito, amplíanse as opcións a elixir para os centros educativos, posto que se ofrece unha iniciativa de acción voluntaria no segundo ciclo de Educación Infantil a través de Voluntariado Miúdo, logo continúase con Pasaporte Solidario durante os seis cursos académicos de Educación Primaria e posteriormente ofértase a Rede de Centros Solidarios para estudantes de Educación Secundaria e Bacharelato.

Cómpre destacar que o proxecto de voluntariado nas aulas, denominado Pasaporte Solidario, pretende fomentar a acción solidaria entre os rapaces e as rapazas máis novas e posicionarse como instrumento educativo dirixido a impulsar e consolidar os valores e accións altruístas entre a nosa xuventude.

O programa permite ao alumnado elaborar un itinerario de actividades solidarias que, neste curso 2022-2023, se vinculan cos ODS (obxectivos de desenvolvemento sostible) da Axenda 2030. Existe a posibilidade de que, a petición do centro educativo, o alumnado plasme, partindo do proxecto que presente o centro, as diversas actuacións solidarias nun Pasaporte Solidario físico.

Existen 3 tipos de Pasaporte físico:

  • Pasaporte Solidario Nivel A: para o alumnado que accede por primeira vez a esta iniciativa.
  • Pasaporte Solidario Nivel B: para o alumnado que xa participou noutras edicións deste programa.
  • Pasaporte Solidario Camiño de Santiago: está adicado na súa integridade ás Rutas Xacobeas

Cada unha das actividades que realice o alumnado participante será recoñecida mediante un diploma acreditativo.

Como xa é coñecido, o Plan Proxecta poderase consultar na ligazón http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta/programas. A partir de agora, esta será a plataforma a través da cal se canalizará este programa de voluntariado xunto cos demáis que xa estaban en marcha, todos eles concentrados baixo a denominación Voluntariado Educativo.

Máis información
Para informarse sobre a organización e a xestión do Plan Proxecta pode dirixirse a: planproxecta@edu.xunta.es ou nos teléfonos 881 996 395 / 881 997 498.