Voluntariado no Camiño

A Consellería de Política Social, mediante a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia, poñen en marcha un novo programa “Voluntariado no Camiño”.

Este programa é unha iniciativa que busca dar a coñecer, por parte das persoas voluntarias, o rico patrimonio artístico e cultural existente ao pé das diferentes rutas do Camiño de Santiago, co obxectivo de favorecer o seu coñecemento de cara ao Xacobeo 2021.

Deste xeito, promoverase a apertura de igrexas e monumentos que reflicten a riqueza do legado histórico e relixioso do Camiño de Santiago, durante a época de maior afluencia de peregrinos ao longo dos diferentes Camiños de Santiago.

Ademais, promocionará o patrimonio cultural existente como castros, cruceiros, lavadoiros ou mámoas, e informará aos peregrinos dos servizos dos que dispoñen na súa andaina tales como albergues, oficinas de información ou centros de saúde.

O programa “Voluntariado no Camiño” facilita que as persoas voluntarias participantes leven a cabo actividades de información en dous ámbitos de actuación:

Voluntariado Cultural: Acompañamento aos peregrinos para as visitas as igrexas, e outros monumentos da zona.

Voluntariado informativo: Informar aos peregrinos e visitantes sobre aspectos culturais e de servizos (albergues, oficinas de información, centros de saúde, …) que existan no ámbito territorial.

Sen dúbida, estas actividades teñen unha incidencia e beneficios directos na contorna local, na que se desenvolven, ademais de contribuír ao enriquecemento persoal das persoas voluntarias participantes.

As actividades de voluntariado levaranse a cabo nas localizacións específicas en función das súas características peculiares, que determinan a necesidade da actuación e que fan que un determinado ámbito deveña como exclusivo para a consecución de determinados fins.

VÍA DA PRATA

A primeira ruta na que se aplicará será na Vía da Prata, e as igrexas nas que se poderá colaborar son as seguintes: Santa María de Retorta (Laza), Santa María de Mixós (Monterrei), Santa María de Xinzo (Xinzo de Limia), San Estevo de Sandiás (Sandiás), Santa María a Real (Xunqueira de Ambía), Igrexa de Santiago (Allariz), Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), Santa María de Vilanova (Allariz), Beato Sebastián Aparicio (A Gudiña), San Cristobo de Cea (Cea), Santa María de Carballeda (Piñor), San Pedro de Vilanova (Dozón) e Santa Eulalia (Silleda).

Formulario de inscrición

CAMIÑO PORTUGUÉS

No Camiño Portugués as igrexas nas que se poderá colaborar son as seguintes: Santo Domingo (Tui), San Bartolemou de Rebordáns (Tui), Santa María (Oia), San Salvador de Coruxo (Vigo), Igrexa de Santiago (Redondela), Igrexa de Santiago de Vilavella (Redondela), Igrexa de Santiago de Arcade (Soutomaior), Santa María de Alba (Pontevedra), Santa María de Carracedo (Caldas de Reis) e Santuario da Escravitude (Padrón).

Formulario de inscrición

CAMIÑO FRANCÉS

No Camiño Francés as igrexas nas que se poderá colaborar son as seguintes: Igrexa de Santiago de Barbadelo en Sarria e Igrexa de Santa Susana en Santiago de Compostela

Formulario de inscrición

 

As persoas voluntarias que participen estarán cubertas pola póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil que ten subscrita a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Os gastos de desprazamento das persoas voluntarias dende o seu domicilio ata o punto de encontro correrán pola súa conta.

Ao finalizar a súa acción voluntaria, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado inscribirá de oficio a experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.