XUNTOS E VOLUNTARIOS POLO NADAL
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado colabora, coa Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria no programa “Xuntos polo Nadal” que organiza esta última.
O obxectivo deste programa é que as persoas maiores que vivan soas poidan pasar acompañadas as festas do Nadal.
“Xuntos e Voluntarios no Nadal” é unha iniciativa de ambos departamentos que se pon en marcha coa pretensión de que todo aquel/a que así o desexe poida acudir a estas residencias como voluntario/a, e prestar o seu apoio e colaboración nas actividades que nelas se organicen nesas datas, así como ofrecer a súa compaña aos maiores que alí se atopen.
As persoas voluntarias que participen estarán cubertas pola póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil que ten subscrita a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado .
Ao finalizar a súa acción voluntaria, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado inscribirá de oficio a experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.