Política Social salienta as iniciativas en materia de voluntariado que pon en marcha a ONG Cooperación Internacional

Subliña os programas que fomentan a sensibilización sobre os colectivos máis desfavorecidos e os que permiten unha formación integral en valores.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, salientou as diferentes iniciativas en materia de voluntariado que pon en marcha a ONG Cooperación Internacional. Fíxoo esta mañá durante a súa visita á sede compostelá desta entidade.

Cristina Pichel destacou a importancia de achegar ferramentas á xuventude que lles axuden mellorar competencias e habilidades a través do voluntariado. Neste sentido, destacou a relevancia de programas como Escola Solidaria, que desenvolve esta ONG, na que participan ao redor de 1.500 escolares de toda Galicia. A través desta iniciativa as nenas e nenos entran en contacto directo co mundo do voluntariado, reciben formación integral sobre este eido, implícanse nos problemas da súa contorna e foméntase a sensibilización sobre a situación dos colectivos desfavorecidos.

Outro dos proxectos impulsados por Cooperación Internacional é Scale up, que procura a adquisición e o desenvolvemento das competencias traballadas na educación non formal e informal.

A directora xeral de Xuventude tamén fixo fincapé no programa de Sensibilización contra o racismo a favor dos dereitos humanos que tamén pon en marcha esta entidade e nas que a través de obradoiros, campañas, charlas e foros, entre outras actividades, chega a 1.200 persoas.
 

/Cooperaci%C3%B3n%20Internacional