A Xunta concede axudas a entidades de acción voluntaria e concellos para desenvolver proxectos de voluntariado interxeracional no rural

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución destas axudas.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a concesión de axudas a entidades de acción voluntaria e entidades locais para o desenvolvemento de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural. A través deste programa, ofrécense actividades formativas e de intercambio de coñecementos entre xente moza e persoas maiores, co obxectivo dinamizar os concellos menos poboados, incentivar a participación social activa das persoas maiores e mellorar as perspectivas laborais da xuventude.

No apartado de entidades locais, as propostas que recibirán fondos deste programa para o seu desenvolvemento foron presentadas todas elas por concellos da provincia de Ourense. En concreto, os beneficiarios son a agrupación de concellos de Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía e Rairiz de Veiga; e, a nivel individual, as iniciativas impulsadas polas corporacións municipais da Veiga, Laza e Nogueira de Ramuín.

Pola súa parte, as entidades de acción voluntaria beneficiadas son: a Escola de Tempo Libre Colaxe, a Asociación Limisi para a promoción das persoas con diversidade funcional da comarca da Limia, a Fundación Amigos de la Barrera e a Asociación para o Desenvolvemento Educativo e Cultural (Adec).

Esta é a segunda edición deste programa, vinculado co proxecto piloto Talento Interxeracional no marco do Plan de recuperación, transformación e resilencia financiado pola Unión Europea (NextGenerationEU). Na primeira edición apoiáronse 18 proxectos que permitiron poñer en contacto a mozos de entre 16 e 35 anos e persoas maiores de 55 para que intercambiaran coñecementos e intereses en ámbitos como a nova economía dos coidados, a recuperación de actividades ou oficios, a produción agroalimentaria, a recuperación do patrimonio e o turismo ou o deseño de modelos dixitais e electrónicos.