A Xunta pon en marcha un novo programa de voluntariado para o acompañamento en hospitais e centros de saúde

Os participantes, sempre en coordinación coas diferentes xerencias das áreas sanitarias, prestarán apoio aos usuarios que reciben asistencia sanitaria nalgún centro público e poderanos acompañar en actividades lúdicas, de apoio ou accesibilidade que desenvolva cada centro.

As Consellería de Política Social e a de Sanidade poñen en marcha un novo programa de acompañamento en hospitais e centros de saúde a través de persoas voluntarias. Mañá ábrese o prazo de inscrición neste programa de humanización que se implantará inicialmente en dúas das sete áreas sanitarias de Galicia: a de Lugo e a de Ourense, posto que xa teñen proxectos específicos para desenvolver con persoas voluntarias. As actividades que levarán a cabo ao abeiro deste novidoso programa serán informativas e de acompañamento, e sempre baixo a coordinación das diferentes xerencias das áreas sanitarias. O obxectivo é axudar ás persoas usuarias do sistema público de saúde, que previamente foron atendidas nos puntos de información polo persoal do Sergas, sobre os recursos e servizos existentes no hospital ou centro de saúde co acompañamento a estes de ser necesario. As persoas voluntarias darán apoio tanto a aquelas que permanecen ingresadas como ás que reciben asistencia sanitaria. Tamén realizarán funcións de acompañamento en programas específicos e actividades lúdicas, de participación social, de apoio e accesibilidade, relacional (conversación, paseo, lectura) desenvolvidas por cada hospital ou centro de saúde. Para o desenvolvemento destes labores voluntarios, o Sergas comprometerase a formar aos participantes no programa naqueles casos en que sexa necesario. Ademais, contarán cun seguro de accidentes e de responsabilidade civil. As persoas interesadas en sumarse a esta iniciativa poden inscribirse premendo nesta ligazón. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado encargarase da selección por orde de inscrición logo de comprobar o cumprimento dos requisitos esixidos polo programa: maioría de idade, empadroamento nalgún concello da Comunidade Autónoma e a realización dun curso básico de voluntariado. Máis de 9000 participantes en accións de voluntariado Este programa de acompañamento en hospitais e centros de saúde súmase a outra iniciativa novidosa neste campo que comezarán este ano: o Voluntariado no Camiño, que ten como finalidade poñer en valor parte do patrimonio cultural a pé da ruta xacobea. Deste xeito, Galicia consolida a súa aposta polo voluntariado. Máis de 9000 persoas participaron activamente nas accións postas en marcha pola Xunta en 2019, un 11% máis con respecto ao exercicio pasado. Ademais, na actualidade hai máis de 1000 entidades inscritas no Rexistro autonómico de acción voluntaria.