XUNTOS E VOLUNTARIOS NO NADAL 2023

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado colabora, novamente coa Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria no programa “Xuntos polo Nadal” que organiza esta última.
O obxectivo deste programa é que as persoas maiores que vivan soas poidan pasar acompañadas as festas do Nadal.
A convocatoria de 2023 conta con 270 prazas repartidas entre as dúas residencias de tempo libre coas que conta a Consellería de Política Social e Xuventude 
1. A residencia de Panxón, situada no concello de Nigrán, na provincia de Pontevedra, con 140 prazas para as persoas solicitantes de A Coruña e Ourense.
2. A residencia do Carballiño, situada na provincia de Ourense, con 130 prazas para as persoas solicitantes de Pontevedra e Lugo.

Esta iniciativa autonómica ofrece o aloxamento en réxime de pensión completa dende o día 24 de decembro ata o día 7 de xaneiro, e no caso de quedar prazas sen adxudicar, valorarase dar media quenda (do 24 de decembro ao 30 de decembro de 2023 ou do 31 de decembro ao 7 de xaneiro de 2024, se asi se solicita).

“Xuntos e Voluntarios no Nadal” é unha iniciativa que ademais de estar aberto a persoas usuarias maiores, tamén favorece a participación de voluntarios e voluntarias, que poden inscribirse para prestar o seu apoio e colaboración nas actividades que se organicen, así como ofrecer a súa compaña ás persoas maiores que alí se atopen.

As persoas voluntarias que participen estarán cubertas pola póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil que ten subscrita a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Os gastos de desprazamento das persoas voluntarias dende o seu domicilio ata a residencia que elixan, son pola súa conta.

As persoas voluntarias poderán participar en todas as actividades que se leven a cabo na residencia para a realización das actividades durante todo o programa.
A posibilidade de pernoctar no caso de estar interesados, estará supeditado a que unha vez adxudicadas as prazas queden cuartos libres na residencia. 

Ao finalizar a súa acción voluntaria, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado inscribirá de oficio a experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

 

O prazo de inscrición remata o 15 de decembro.