A Xunta destaca que Galicia segue a consolidarse como unha das comunidades máis solidarias, con máis de 70.000 persoas voluntarias en activo

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe no acto institucional con motivo do Día Internacional do Voluntariado.
Celebrouse unha mesa redonda con participantes do programa Talento Interxeracional, que permitiu impulsar 23 proxectos no rural galego e no que participaron máis de 330 persoas voluntarias de distintas xeracións compartindo experiencias e coñecemento.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou esta mañá que Galicia segue a consolidarse como unha das comunidades máis solidarias, con máis de 70.000 persoas voluntarias en activo e 1100 entidades rexistradas. Fíxoo durante o acto institucional con motivo do Día Internacional do Voluntariado que se celebrou esta mañá en Vedra.

Durante o acto tamén se celebrou unha mesa redonda para coñecer as experiencias das persoas participantes no programa de voluntariado Talento Interxeracional e entregáronse certificados a ditas persoas presentes no acto. Esta iniciativa permitiu durante as súas dúas primeiras edicións impulsar 23 proxectos no rural galego no que participaron máis de 330 persoas voluntarias de distintas xeracións que se axudaron mutuamente en distintas áreas como a dixitalización ou a recuperación de oficios tradicionais.

A directora xeral lembrou que o Goberno galego aposta polo voluntariado como fórmula para crear unha sociedade máis ampla, máis tolerante e máis cohesiva. Así mesmo, sinalou que a Xunta seguirá apostando por aqueles programas que permiten construír unha Galicia mellor desde a solidariedade e o altruísmo do voluntariado como os programas de voluntariado xuvenil, sénior e interxeracional ou como os programas de voluntariado educativo ou ambiental.

 

/Acto%205%20decembro