19 Seminario de Discapacidade Intelectual e Saúde Mental

19 Seminario de Discapacidade Intelectual e Saúde Mental

FADEMGA Plena inclusión Galicia celebra unha nova edición dun dos seus encontros máis consolidados: o Seminario de Discapacidade Intelectual e Saúde Mental, que chega este ano á súa 19ª edición.  A cita será o 21 de novembro, na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Nesta nova edición, o fío condutor será o benestar emocional e a súa repercusión nas persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, pero tamén nas súas familias e nos equipos profesionais que lles prestan apoio. Porque, coma lembramos edición tras edición, non hai inclusión plena sen saúde mental nin redes de apoio que acompañen con humanidade, rigor e calidez.

Toda a información para a inscrición está dispoñible neste dosier. 

Programa destacado

A xornada abrirá coa doutora Amaia Hervás, referente estatal en psiquiatría infantil e xuvenil, que abordará a relación entre a ansiedade e a saúde mental en persoas con TEA, ofrecendo claves prácticas para a detección e intervención. Seguirá coa poñencia "Envellecemento e grandes necesidades de apoio" a cargo da psicóloga Cristina Roncero, que abordará o reto do envellecemento das persoas con grandes necesidades de apoio, cun enfoque centrado na dignidade, o benestar e a continuidade nos coidados.

Asemade, contaremos cunha mesa-coloquio “Construímos benestar”, onde diferentes voces expertas compartirán experiencias e ferramentas sobre tres eixos fundamentais: "O benestar emocional das persoas con discapacidade", coa psicóloga de IGAIN Rebeca Sevilla, "A resiliencia dos equipos profesionais, e o valor do debriefing" da man da directora técnica de persoas de APADIS Laura Garrido e "Fortalecer ás familias: apoio emocional ás familias en momentos clave" a cargo de Juan Carlos Morcillo, psicólogo e terapeuta familiar. 

Un espazo que medra, evoluciona… e volve cada vez con máis forza!

Despois de case dúas décadas de traxectoria, este seminario segue sendo un punto de encontro imprescindible para profesionais, estudantado, entidades e familias. Un espazo onde o coñecemento científico e a experiencia práctica camiñan da man para seguir colocando o benestar emocional no centro da inclusión.

Lembra

- O formulario de inscrición, horarios e programa completo están dispoñibles no dosier da xornada.

- Podes inscribirte cubrindo este formulario. O primeiro prazo de inscripción estará aberto ata o 14 de novembro.