Plan de formación da Dirección Xeral de Xuventude 2025 nas áreas de voluntariado e xuventude

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección xeral de Xuventude, oferta, un ano máis, un Plan de formación no ámbito da acción voluntaria e do asociacionismo xuvenil, coa finalidade de ofrecer formación en liña e presencial en materia de voluntariado e xuventude.

O Plan está conformado por 3 cursos presenciais, 18 cursos en liña e 2 mixtos, cun total de 1.800 prazas.

Os cursos da área de voluntariado oriéntanse á dotación de ferramentas básicas para que, tanto o persoal técnico das entidades de acción voluntaria, como as persoas voluntarias que colaboran ou desexan colaborar con estas entidades, dispoñan dos coñecementos imprescindibles na materia para levar a cabo a súa labor de mellor xeito posible. Nesta ocasión os cursos desta área abarcan, ademais da formación básica en materia de voluntariado, diferentes temáticas coma o deseño e planificación de proxectos, lingua de signos, voluntariado interxeracional na área ambiental, no legado de experiencias e na conservación e enriquecemento do patrimonio lingüístico e cultural galego, cambio climático, idadismo, mellora da convivencia, xestión de equipos de traballo, así como a acción voluntaria no ámbito da educación regrada e do aprendizaxe-servizo.

Con respecto aos cursos da área de xuventude, estes están orientados á formación de profesionais do sector do ocio educativo e tempo libre, de persoal técnico que traballa coa mocidade e da mocidade en xeral. As temáticas dos cursos versan sobre deportes náuticos, primeiros auxilios, oratoria, comunicación efectiva, resolución de conflitos, uso das novas tecnoloxías, inclusión no lecer e formación das persoas delegadas de protección da infancia e da adolescencia.

Poderán participar nas accións formativas convocadas, as persoas maiores de 16 anos que teñan interese en obter coñecementos especializados en materia de acción voluntaria e asociacionismo xuvenil, atendendo ás especificacións que se indican en cada un dos cursos. As prazas outorgaranse por rigorosa orde de inscrición tendo en conta o dito con anterioridade.

Os formularios de inscrición (un por cada curso) estarán dispoñibles no campus en liña da páxina web de Voluntariado (www.voluntariadogalego.org) desde as 10.00 horas do xoves 13 de febreiro. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata cubrir as prazas ofertadas en cada un deles.

Para acceder á plataforma de teleformación de voluntariadogalego.org, o alumnado que xa solicitara inscrición con anterioridade, debe introducir o seu nome de persoa usuaria e contrasinal para solicitar a matrícula nos cursos que desexe.

As persoas que accedan por primeira vez e aínda non teñan conta de persoa usuaria creada nesta plataforma, terán que creala antes de solicitar praza (consultar manual do alumnado colgado no campus en liña).

É importante que, á hora de realizar a inscrición nun curso, a persoa indique se forma parte dalgunha entidade de acción voluntaria, de ocio educativo ou de tempo libre e se está en posesión dos correspondentes títulos oficiais de monitorado de tempo libre. Deben especificarse estes datos no apartado "outros datos", dentro do perfil da persoa usuaria.

Ligazón á area de acceso da plataforma de teleformación de voluntariadogalego.org