A Consellería de Política Social e Xuventude, xunto coa de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, convocan, un ano máis, o programa de voluntariado ambiental interxeracional 2023 en 18 espazos naturais de Galicia. Nesta iniciativa, na que se realizan actividades que impulsan o respecto e o coidado do patrimonio natural galego, ofrécense 434 prazas, 164 máis que en 2022, e a participación é totalmente gratuíta.

Nesta terceira edición serán un total de 32 actuacións as que se levarán a cabo todas as fins de semana de xuño a outubro.

Están programadas accións no Parque Nacional das Illas Atlánticas (Illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada); nos parques naturais da Baixa Limia e Serra do Xurés, Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra, Monte Aloia, Fragas do Eume, e Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán; e nas reservas da biosfera Terras do Miño, na do Río Eo, Oscos e Terras do Burón, na das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, na Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel ZEC Canón do Sil, e na reserva Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá. Ademais, e por primeira vez, tamén se programan actuacións nos Monumentos Naturais A Fraga de Catasós e Costa do Dexo . Os escenarios serán, polo tanto, 18 espazos naturais que compoñen o rico patrimonio natural de Galicia.

En cada un delas, as actividades das persoas voluntarias participantes centrarase na realización de tarefas de limpeza, sinalización, eliminación de especies exóticas invasoras ou catalogación de fauna e flora. Ademais, o programa procura fomentar a cooperación e a solidariedade desinteresada desde unha perspectiva interxeracional.

 

Requisitos de participación

Os requisitos de participación son os seguintes:

- Ter 18 anos cumpridos.

- Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

- Cumprimentar o formulario de inscrición.

A Xunta de Galicia cubrirá os gastos de desprazamento (autobús desde Santiago de Compostela e/ou barco, segundo se detalle en cada ficha descritiva da actuación), manutención, aloxamento, seguros e actividades formativas. Cada participante deberá levar os útiles de aseo persoal e toalla así como calzado e roupa axeitada para actividades ao aire libre.

Prazo de inscrición

O prazo de inscrición comezará o 31 de maio.
 

Para ampliar as posibilidades de participación das persoas interesadas, cada persoa voluntaria poderá anotarse en dúas accións como máximo.

Se o grupo de persoas inscritas nunha actividade excede do máximo permitido para cada zona, a selección realizarase por rigoroso orde de inscrición.

VOLUNTARIADO AMBIENTAL INTERXERACIONAL