A Xunta de Galicia abre o prazo para inscribirse no Programa de Voluntariado Ambiental Interxeracional 2026 en 19 espazos naturais da Comunidade. Esta iniciativa gratuíta ofrece un completo programa de actividades que impulsan o respecto e o coidado por un dos grandes tesouros de Galicia, o seu patrimonio natural.
Nesta sexta edición da iniciativa, posta en marcha polas Consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ampliaranse os espazos naturais incluíndo as Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) . Serán un total de 24 actuacións que se levarán a cabo as fins de semana desde o 13 de marzo ata o 13 de setembro. As primeiras quendas serán no Parque Natural e Reserva da Biosfera de Baixa Limia-Serra do Xurés e no Sistema fluvial Ulla-Deza (ZEPVN).
Espazos naturais
Están programadas accións no Parque Nacional das Illas Atlánticas (Illa de Ons, Cíes e Cortegada); nos Parques Naturais (Baixa Limia- Serra do Xurés, Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra, Monte Aloia e Fragas do Eume); Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (Costa da Morte,Parga-Ladra-Támoga, Sistema fluvial Ulla-Deza ,Betanzos-Mandeo)
Paisaxes Protexidas (Val do río Navea) e Humedais Protexidos (Ría de Ribadeo e Praia das Catedrais, Complexo intermareal Umia -O Grove (A Lanzada, punta Carreirón e Lagoa Bodeira), Ría de Ortigueira e Ladrido, Lagoa e Areal de Valdoviño .
Os escenarios serán, polo tanto, 19 espazos naturais que compoñen o rico patrimonio natural de Galicia.
As actividades das persoas voluntarias participantes centraranse na preservación, limpeza e conservación destes espazos, eliminación de lixo de praias, ríos e montes, sensibilización, coñecemento dos ecosistemas, visualización mediática de rutas e análise de todas aquelas actuacións con posible incidencia no medio natural continental desde un punto de vista técnico, detectando os distintos efectos e/ou impactos ambientais. O programa procura fomentar a cooperación e a solidariedade desinteresada desde unha perspectiva interxeracional entre persoas maiores e novas, nun marco de convivencia e intercambio de vivencias neste específico ámbito de actuación, poñendo especial atención nas contornas rurais e as posibilidades que ofrecen desde esta perspectiva para a mellora do asentamento poboacional.
A Xunta de Galicia cubrirá os gastos de desprazamento (transporte desde Santiago de Compostela no caso dos Parques Naturais, Monumentos Naturais, Paisaxes Protexidas, Humedais Protexidos, zonas de Especial Protección dos Valores Naturais e barco no caso dos Parques Nacionais), manutención, aloxamento, seguros e actividades formativas. Cada participante deberá levar os seus útiles de aseo persoal, así coma calzado e roupa axeitada para actividades ao aire libre.
Prazo de inscrición
O prazo de inscrición comezará o 5 de marzo ata completar as quendas.
Para ampliar as posibilidades de participación das persoas interesadas, cada persoa voluntaria poderá anotarse en dúas accións como máximo.
Se o grupo de persoas inscritas nunha actividade excede do máximo permitido para cada zona, a selección realizarase por rigoroso orde de inscrición.
Inscrición
As persoas interesadas en inscribirse nesta sexta edición do Programa de Voluntariado Ambiental Interxeracional poden facelo a través do espazo habilitado na páxina web www.voluntariadogalego.org.
Os únicos requisitos para participar neste programa autonómico son ter cumpridos os 18 anos, residir na Comunidade Autónoma de Galicia e cumprimentar o formulario que se atopa na páxina web.
| CRONOLOXÍA DO VOLUNTARIADO AMBIENTAL INTERXERACIONAL 2026 | |||
| ESPAZO NATURAL | PRAZAS | QUENDAS | DATAS |
| Sistema fluvial Ulla-Deza ZEPVN | 15 | 1 | 13, 14 e 15 marzo |
| Parque Natural e Reserva da Biosfera de Baixa Limia-Serra do Xurés | 15 | 2 | 13, 14 e 15 marzo 20, 21 e 21 de marzo |
| Ría de Ribadeo e Praia das Catedrais | 15 | 1 | 20, 21 e 21 de marzo |
| Complexo intermareal Umia -O Grove | 15 | 1 | 27, 28 e 29 marzo |
| Parque natural da Serra da Enciña da Lastra | 15 | 1 | 27, 28 e 29 marzo |
| Lagoa e Areal de Valdoviño | 15 | 1 | 10, 11 e 12 abril |
| Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán | 15 | 2 | 10, 11 e 12de abril 15,16 e 17 maio |
| Val do río Navea | 15 | 1 | 17, 18 e 19 abril |
| Parque Natural Monte Aloia | 15 | 2 | 17, 18 e 19 de abril 29, 30 e 31de maio |
| Parga-Ladra-Támoga (ZEPVN) | 15 | 1 | 24, 25 e 26 de abril |
| Parque Natural O Invernadeiro | 15 | 1 | 24, 25 e 26 de abril |
| Parque Natural Fragas do Eume | 15 | 2 | 8, 9 e 10 de maio 22,23 e 24 de maio |
| Costa da Morte (ZEPVN) | 15 | 1 | 8, 9 e 10 de maio |
| Ría de Ortigueira e Ladrido | 15 | 1 | 15, 16 e 17 de maio |
| Betanzos-Mandeo (ZEPVN) | 15 | 1 | 22, 23 e 24 de maio |
| Penedos de Pasarela e Traba | 15 | 1 | 29, 30 e 31 de maio |
| Parque Nacional marítimo-terreste das Illas Atlánticas de Galicia Illa de Ons | 10 | 1 | 19,20 e 21 de xuño |
| Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia Illas Cíes | 10 | 2 | 26,27 e 28 de xuño 11 , 12 e 13 de setembro |
| Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia Illa de Cortegada | 10 | 1 | 4, 5 e 6 de setembro |