Lara Meneses felicita o alumnado participante no programa ‘Pasaporte Solidario’ pola “súa implicación e traballo en accións de voluntariado”

Lara Meneses felicita o alumnado participante no programa ‘Pasaporte Solidario’ pola “súa implicación e traballo en accións de voluntariado”

A directora xeral de Xuventude entregou hoxe no colexio ourensán Santa Teresa de Jesús os diplomas que recoñecen a actividade altruísta dos escolares.
Lembra que nesta edición tomaron parte en total máis de 1.000 estudantes de 11 centros educativos en toda a Comunidade.
Trátase dunha iniciativa, apunta, “que involucra a mocidade con propostas de impacto real na súa contorna e fomenta a súa cultura participativa”.

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, entregou hoxe no colexio ourensán Santa Teresa de Jesús os diplomas que recoñecen o traballo de voluntariado do alumnado impulsado a través do programa Pasaporte Solidario e que, destacou, “involucran á cativada con accións voluntarias de impacto real na súa contorna fomentando a súa cultura participativa”.

Así, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, lembrou que nesta edición participaron máis de 1.000 estudantes de 11 centros nunha iniciativa “dirixida a impulsar e consolidar os valores altruístas entre a nosa mocidade”, apuntou á vez que quixo “felicitar e agradecer tanto ao estudantado como ao profesorado a súa vontade para levar a cabo proxectos neste eido”.

Nesta liña, Lara Meneses puxo en valor que o colexio ourensán participara no programa por noveno curso con 144 alumnos e alumnas de 5º e 6ª de Primaria “e que puideron plasmar no seu pasaporte propostas que van desde campañas de recollida de alimentos, actividades para cativada hospitalizada ou accións medioambientais ata acompañamento aos maiores no eido das novas tecnoloxías”. Deste xeito, indicou, “este é un exemplo do espírito solidario da nosa xuventude que se estende a todos os puntos da Comunidade”.

Neste curso 2025-2026 tomaron parte, ademais do colexio Santa Teresa de Jesús, o colexio La Salle, de Ferrol; o Manuela Rial Mouzo, de Cee; o Castro Alobre, de Vilagarcía de Arousa; o Isaac Díaz Pardo, de Culleredo; Os Casais, de Fene; o Instituto Mendiño, en Redondela; o do Milladoiro, en Ames; o Xosé Neira Vilas, de Oleiros; o instituto Quiroga, en Quiroga, e o da Terra Chá, en Castro de Rei.

Itinerario de actividades solidarias

O programa Pasaporte Solidario permite ao alumnado elaborar un itinerario de actividades solidarias que neste curso que está a piques de finalizar se vinculou especialmente cos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

Así, cada ano, a petición dos centro educativos, envíanse desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude o formato físico dos pasaportes correspondentes ao alumnado participante, para que plasmen neste documento as diversas actuacións que desenvolvan e que partirán do proxecto que presente o centro. A participación de cada alumna e alumno no programa recoñécese mediante un diploma acreditativo ao final do curso escolar.

 

Pasaporte solidario