López Campos enxalza o "gran compromiso e a xenerosidade da sociedade galega"

López Campos enxalza o "gran compromiso e a xenerosidade da sociedade galega"

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude entregou os Premios Galicia Acción Voluntaria organizados pola Xunta.
Con estes galardóns recoñécese publicamente o traballo de persoas e entidades que desenvolven programas, accións e proxectos de voluntariado na comunidade.
Este ano distinguiuse individualmente a María Cendán Castilo e, na modalidade colectiva, á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia.
O premio á mellor iniciativa foi para a Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares co proxecto ‘Apoio entre iguais’.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe “o gran compromiso e xenerosidade da sociedade galega, que unha vez máis recoñecemos e celebramos”. Así o reiterou na entrega dos  Premios Galicia de Acción Voluntaria cos que, se recoñeceu o traballo de María Cendán, cofundadora da asociación Boanoite, da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia e da Asociación Galega de Afectados por Transportes Medulares.

Neste senso, o representante da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, agradeceu o labor de acompañamento, visibilización e dignificación que realizan estas persoas e asociacións ao tempo que puxo en valor a súa contribución á transformación social.

Así, o conselleiro gabou o traballo de María Cendán Castilo, galardoada na categoría individual, pola súa ampla traxectoria e participación en diferentes áreas de actuación acreditadas no ámbito do voluntariado, coma cofundadora desde o ano 2010 da entidade Asociación Boanoite, o acompañamento de migrantes e mulleres vítimas de trata ou a colaboración con diversas entidades de carácter ambiental.

Ademais, recoñeceu o labor da entidade premiada na modalidade colectiva e que recaeu na Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia pola súa prestación de servizos especializados a estes doentes e as súas familias. Na actualidade a entidade conta con máis de 1.193 persoas sociais, máis de 50 voluntarias e un equipo de 64 profesionais.

Por outra banda, destacou a dedicación da Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares, ASOTRAME, premiado na categoría de mellor proxecto, pola iniciativa Apoio entre iguais, cuxo enfoque está centrado en mellorar o benestar emocional e social das persoas con cancro hematolóxico a través dunha rede de acompañamento formada por expacientes voluntarios.

Talento interxeracional

Ademais da entrega de premios, o acto contou tamén cunha mesa redonda na que participaron adxudicatarios dos proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento Interxeracional. A iniciativa, que busca amosarlle á xuventude as posibilidades que ofrece o medio rural mentres se recoñece a experiencia das persoas maiores en diferentes eidos produtivos, apoiou 90 proxectos con máis de 800 persoas voluntarias desde o seu comezo e cun investimento de máis de 1,7 millóns de euros.

Premios Galicia Acción Voluntaria