O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as tres ordes de axudas destinadas a entidades de acción voluntaria, así como entidades locais inscritas no Rexistro de Acción voluntaria de Galicia que desenvolvan actividades no 2021

A Xunta de Galicia destina máis de 500.000 euros a financiar tres ordes de axudas para impulsar programas de voluntariado sénior e xuvenil, así como para fomentar o voluntariado en xeral nas entidades de acción voluntaria. Así o anunciou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, nunha visita que realizou onte á asociación Aula Sénior de Galicia (Ategal), e durante a cal coñeceu a varias persoas voluntarias da citada entidade, que puideron explicar o seu traballo ao abeiro do proxecto de voluntariado sénior.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras e a convocatoria destas tres subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria, así como a entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia que desenvolvan as actividades durante este ano 2021. A partir do 1 de abril e ata o día 30 dese mesmo mes poderanse presentar as solicitudes para as tres subvencións.

Para o fomento da sensibilización e formación voluntaria

A primeira destas liñas de axudas ten como beneficiarias aquelas entidades de acción voluntaria de carácter privado de Galicia que realicen proxectos de voluntariado no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro e que se orienten á sensibilización, formación e coordinación en materia de acción voluntaria. O importe destas axudas será de 145.415 euros.

Para acceder a esta subvención deben desenvolver proxectos en áreas como a sensibilización, a formación e a coordinación dentro do voluntariado a través de diferentes actividades como xornadas de aprendizaxe, seminarios ou campañas, entre outros.

Para proxectos de voluntariado sénior

A segunda destas axudas vai destinada a entidades de acción voluntaria e locais enmarcadas no programa Voluntariado Sénior. Os proxectos deberanse desenvolver tamén desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro deste ano e os usuarios deberán ser persoas maiores de 55 anos.

As temáticas que ocuparán un carácter prioritario, aínda que non exclusivo, serán as relacionadas coa igualdade de xénero, a recuperación da cultura, a arte e a tradición galega, o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021, así como aquelas orientadas á innovación e investigación en relación ao benestar das persoas maiores. O importe total destas subvencións será de 100.000 euros.

Para programas de voluntariado xuvenil

Por último, a terceira orde vai dirixida a entidades de acción voluntaria e locais enmarcadas no Programa Servizo de Voluntariado Xuvenil. Este programa está deseñado para fomentar a participación de persoas de entre 16 e 30 anos que desenvolvan iniciativas entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano e terán como temáticas prioritarias as relacionadas coa igualdade de xénero, a posta en valor do medio rural ou o benestar das persoas maiores. O importe destas axudas será de 255.000 euros.

/Visita%20da%20Directora%20Xeral%20de%20Xuventude%2C%20Participaci%C3%B3n%20e%20Voluntariado%2C%20Cristina%20Pichel%2C%20%C3%A1%20entidade%20de%20acci%C3%B3n%20voluntaria%20ATEGAL