Política Social felicita aos alumnos do CEIP San Tomé de Cambados pola súa implicación no voluntariado miúdo

Realizaron proxectos interxeracionais dentro do centro e cos usuarios do centro de día público situado neste municipio.
Participaron un total de 87 rapazas e rapaces do colexio a través de videochamadas cos maiores, intercambio de cartas ou elaboración de contos.
Neste curso 2020-21 participan un total de seis centros educativos e 757 alumnas e alumnos neste programa incluído dentro do Plan Proxecta.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá o CEIP San Tomé de Cambados con motivo do Día Internacional da Solidariedade Interxeracional que se celebra mañá xoves. Alí felicitou ao alumnado que participa no programa Voluntariado Miúdo da Consellería de Política Social pola súa implicación.

No marco desta iniciativa, 87 rapazas e rapaces deste centro realizan actividades interxeracionais que achegan á xuventude coas persoas maiores do seu entorno. Mostra diso é a realización de contos por parte dos usuarios do centro de día de Cambados que foron rematados e xuntados polos alumnos e alumnas do centro educativo para unha publicación editada.

Así mesmo, tamén se desenvolveu unha comunicación intensa a través de videoconferencias, cartas e a elaboración de artigos feitos a man que logo lle foron entregadas aos maiores. Entre outras actividades, os proxectos postos en marcha por este centro atópase a realización de videocontos do alumnado de 5º e 6º para as nenas e nenos de educación infantil.

Seis centros participantes

Neste curso 2020-21 participan un total de seis centros educativos e 757 alumnas e alumnos no programa Voluntariado Miúdo, incluído dentro do Plan Proxecta na área de voluntariado educativo. Os colexios son: o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, o CEIP San Tomé de Cambados, o CPR La Inmaculada de Marín, o CEIP San Marcos de Abegondo, o CEIP Os Casais de Fene e o CPR Divina Pastora de Ourense.