Política Social informa sobre o programa Voluntariado no Camiño á veciñanza de Xinzo de Limia
Política Social informa sobre o programa Voluntariado no Camiño á veciñanza de Xinzo de Limia
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo unha reunión informativa sobre o programa Voluntariado no Camiño con veciños e veciñas do concello ourensán de Xinzo de Limia. A Consellería de Política Social e a de Cultura e Turismo poñen en marcha esta iniciativa para relanzar a participación de persoas voluntarias no vindeiro Ano Santo.
Cristina Pichel explicou que, de inicio, este programa se desenvolverá nos Camiños Francés e Portugués, e na Vía da Prata, para despois estenderse a todas as rutas de peregrinación a Compostela. No caso concreto de Xinzo de Limia, cómpre indicar que a igrexa de Santa Mariña de Xinzo, dentro da ruta da Vía da Prata, é un dos elementos patrimoniais que se poderá poñer en valor ao abeiro deste programa.
Voluntariado no Camiño procura enriquecer a viaxe dos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago, achegándolles información que precisen, e á vez, dar a oportunidade ás persoas voluntarias de ser embaixadores das rutas xacobeas, ao tempo que adquiren novas habilidades e coñecementos a través dunha experiencia única.
A primeira ruta na que comezará será na Vía da Prata, as igrexas nas que se poderá colaborar son as seguintes: Santa María de Retorta (Laza), Santa María de Mixós (Monterrei), Santa María de Xinzo (Xinzo de Limia), San Estevo de Sandiás (Sandiás), Santa María a Real (Xunqueira de Ambía), Igrexa de Santiago (Allariz), Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), Santa María de Vilanova (Allariz), Beato Sebastián Aparicio (A Gudiña), San Cristobo de Cea (Cea), Santa María de Carballeda (Piñor), San Pedro de Vilanova (Dozón) e Santa Eulalia (Silleda).
Para poder colaborar debes entrar na páxina web www.voluntariadogalego.org e cubrir o correspondente formulario de inscrición
