Política Social inicia esta semana unha campaña a pé de rúa para conmemorar o Día Internacional do Voluntariado

◾Baixo o lema ‘O voluntariado non para’, unha furgoneta-plató móbil percorrerá a partir do vindeiro venres as sete cidades galegas para facer entrevistas a persoas voluntarias e achegar información sobre os programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

◾O día 5 de decembro, coincidindo coa efeméride, entregaranse os Premios Galicia de Acción Voluntaria, convocados este ano por primeira vez


A Consellería de Política Social inicia esta semana unha campaña de promoción da acción voluntaria enmarcada no Día Internacional do Voluntariado, que se celebrará o vindeiro sábado, día 5 de decembro, baixo o lema O voluntariado non para. Ao abeiro desta efeméride, desenvolveranse varias actividades que inclúen unha furgoneta-plató móbil que visitará as sete cidades galegas, a entrega da primeira edición dos Premios Galicia de Acción Voluntaria e a difusión en redes sociais das testemuñas de voluntarias e voluntarios galegos de todas as idades.

Este autobús itinerante arrincará o seu percorrido este venres día 4 de decembro. Estará estacionado na contorna da alameda de Santiago de Compostela e ofrecerá información e merchandising sobre os programas e accións que a Xunta de Galicia desenvolve no eido do voluntariado. Tras Santiago, esa mesma fin de semana o autobús parará na zona do Parrote, na Coruña —o sábado 5—, que acollerá a gala de entrega de premios; e ao día seguinte —domingo 6— estacionará na rúa do Paseo en Ourense. Aprazadas as paradas de Coruña e Ourense.

A campaña continuará ao longo da semana que vén nas cidades de Pontevedra —o luns día 7, na praza da Peregrina—; Lugo —con parada o martes día 8 na rúa San Marcos, diante da sede da Deputación—; Ferrol —o mércores día 9, na praza de España—; e Vigo —o venres día 11, diante do edificio da Xunta de Galicia—

Ademais, na franxa horaria de cada parada —que serán desde as 12,00 horas ata as 19,00 horas, aproximadamente— reservaranse entre 40 minutos e unha hora para unha entrevista a un convidado, que será unha persoa voluntaria da cidade. Esta entrevista realizarase nun plató semicuberto no propio autobús para que a poida escoitar o público que se achegue e, ao mesmo tempo, emitirase en streaming a través da canle de facebook de Voluntariado Galego.

Premios Galicia de Acción Voluntaria

No marco desta campaña tamén se darán a coñecer os Premios Galicia de Acción Voluntaria, convocados por primeira vez este ano para recoñecer os mellores proxectos, entidades e persoas voluntarias neste ámbito. A entrega dos galardóns terá lugar nun acto institucional o vindeiro sábado, día 5, coincidindo co Día Internacional do Voluntariado e coa parada do autobús informativo na Coruña.

Xunto con esta promoción das actividades de acción voluntaria a pé de rúa, levarase tamén a cabo unha campaña en redes sociais con testemuñas de voluntarias e voluntarios galegos. Para iso, as entidades e persoas voluntarias interesadas en participar deben enviar un vídeo contando a súa experiencia, de máximo 60 segundos de duración, a voluntariado@xunta.gal. Estes vídeos estarán colgados a partir do vindeiro 5 de decembro nas redes sociais de Voluntariado da Xunta de Galicia baixo o cancelo #ovoluntariadononpara.


/O%20Voluntariado%20non%20para

Vídeos relacionados