Política Social pon en valor os proxectos de voluntariado miúdo dos centros educativos cun encontro virtual
Política Social pon en valor os proxectos de voluntariado miúdo dos centros educativos cun encontro virtual
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe no encontro virtual do programa Voluntariado Miúdo: Móvete, unha iniciativa da Consellería de Política Social enmarcada no Plan Proxecta coa que se busca favorecer o voluntariado desde idades temperás. Este programa, desenvolto ao longo de todo o curso polos nenos de infantil e primaria de seis centros educativos, serve como instrumento de formación integral do alumnado de Educación Primaria ao redor dos valores asociados ao voluntariado e á solidariedade.
Cristina Pichel aproveitou o acto para poñer en valor este tipo de actividades, posto que axudan a promover a educación en valores e asentar a cultura solidaria desde pequenos. O obxectivo desta proposta é facilitar entre o alumnado o desenvolvemento eficaz das competencias clave como o traballo en equipo, promover vivencias solidarias achegadas aos seus contextos máis próximos e adecuadas ao seus ciclos educativos e, por outra banda, facilitar o empoderamento do alumnado na toma de decisións dos seus proxectos solidarios cun impacto directo no entorno.
Neste curso 2020-21 participaron no programa seis centros educativos e preto de 800 alumnos e alumnas, que aproveitaron o encontro para coñecerse e, ademais, contar as súas experiencias e actividades, como foi caso das accións de acompañamento e comunicación coas persoas maiores do centro de día de Cambados e Cuntis, entre outros, ou a elaboración de recursos didácticos sensoriais para o alumnado do Centro de Educación Especial Santa María de Lugo.
