Programa Xuventude Consciente da Saúde Mental
Programa Xuventude Consciente da Saúde Mental
Esta iniciativa, posta en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Consellería de Sanidade, céntrase na promoción da saúde mental e prevención da conduta suicida entre a poboación de 13 a 17 anos, en Galicia lévase a cabo en 3º da ESO. Trátase dun programa onde a participación da mocidade é un dos eixos principais, por iso cada intervención é única.
Ao longo de cinco sesións, distribuídas xeralmente en 3 días, profesionais con experiencia previa en traballar con menores e unha formación específica para desenvolver este programa, desprázanse aos centros educativos para traballar coa mocidade aspectos relacionados coa saúde mental cunha metodoloxía centrada no diálogo entre iguais.
- Na primeira sesión trataranse aspectos teóricos, a través dunha presentación que fai de fío condutor, o grupo dialogando e aportando as súas ideas constrúe novos coñecementos.
- Na segunda comezarase a traballar en pequenos grupos, tras ler unha serie de situacións hipotéticas establécese unha conversa entre iguais sobre como se sentirían nesa situación, que farían e que consecuencias podería ter.
- Na terceira e a cuarta sesión traballarase con role-play, a dinámica das sesións é a mesma soamente cambian as temáticas que serán elixidas pola mocidade.
- Na quinta e última sesión, farase un repaso de todo o tratado e presentaranse os recursos aos que a xuventude pode acudir.
Nestas cinco sesións na aula debe estar presente unha segunda figura á que chamamos axudante, baixo a guía da persoa instrutora, axuda a que o ambiente do grupo sexa o adecuado para o desenvolvemento do programa.
Funcións das e dos axudantes:
- Axudar na preparación do espazo, procúrase unha disposición en círculo ou semicírculo que permita que todas as persoas se vexan entre si.
- Contribuír a crear e manter un clima de confianza e seguridade que facilite o desenvolvemento do programa, facilitando e promovendo a participación do alumnado. Aínda que non é obrigatorio intervir, un ambiente adecuado e respectuoso axuda a que o alumnado se sinta máis cómodo e participe con máis liberdade.
- Colaborar coa persoa instrutora na planificación e desenvolvemento das diferentes sesións.
- Observar aqueles aspectos que se precisará retomar na última sesión. As persoas non nos expresamos só coa voz: os xestos, posturas e movementos tamén achegan información valiosa.
- Durante a implementación do programa pode resultar difícil captar todos eses detalles, polo que é fundamental contar con “dous ollos máis” na sala para sinalar á persoa instrutora aqueles aspectos que poidan pasar desapercibidos.
- Prestar atención ás reaccións do alumnado, avisando a persoa instrutora se fora precisa unha atención individual.
Perfil das persoas voluntarias:
- Ter cumpridos os 18 anos.
- Persoas coa mente aberta dispostas a escoitar falar á nosa xuventude. A filosofía é promover preguntas, non dar solucións.
Inscrición:
As persoas voluntarias interesadas en participar no programa Xuventude Consciente da Saúde Mental poden inscribirse na web de voluntariado galego www.voluntariadogalego.org, a través do formulario que atoparedes premendo nesta ligazón.
Todas as persoas voluntarias estarán cubertas pola póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil que ten subscrita a Dirección Xeral de Xuventude.
Unha vez aceptada a solicitude, para poder participar é obrigatorio realizar un curso de 5 horas a través da Plataforma de Teleformación de voluntariadogalego.org.
Ao finalizar a súa acción voluntaria, a Dirección Xeral de Xuventude inscribirá de oficio a experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
