Regresan os cursos do Plan de formación para a mocidade e o voluntariado

Tras un breve parón estival, retómanse en setembro os cursos do Plan de Formación de Xuventude e Voluntariado 2022, posto en marcha pola Consellería de Política Social e Xuventude. O plan de formación está conformado por cursos dirixidos a persoal técnico de xuventude e profesionais do tempo libre, así como á mocidade en xeral con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, e a persoal técnico das entidades de acción voluntaria e persoas voluntarias.

Trátase dun amplo abano de cursos con temáticas diversas que teñen como finalidade cubrir as necesidades e dar resposta ás inquietudes da nosa mocidade e dos membros das entidades de acción voluntaria. Nestes momentos a inscrición permanece aberta para algúns cursos con prazas dispoñibles, como é o caso de “Da idea ao proxecto. Desenvolvemento da idea”, no que se aprenderá a desenvolver unha idea de negocio dende a base; ou tamén o curso “Adestramento en eSports. Como aproveitar os deportes electrónicos no eido do lecer e tempo libre”, no que á parte de valorar os posibles beneficios destas novas ferramentas para os teléfonos móbiles e computadores, tamén se analizará o papel da industria do eSports na sociedade actual.

Xa no ámbito da acción voluntaria destacamos o curso "Voluntariado interxeracional, posta en valor da experiencia vital dende a perspectiva de xénero", do que se realizan catro edicións presenciais e unha en liña (matrícula aberta para a edición de Lugo).

Podes consultar a información de todos os cursos, a dispoñibilidade de prazas e os lugares e horarios de realización na plataforma de teleformación de  voluntariadogalego.org.

/Cursos%20de%20formaci%C3%B3n%204%C2%BA%20cuatrimestre