Resoltas as axudas para a realización de programas de voluntariado interxeracional para dinamizar o medio rural

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe recolle a lista de concellos e entidades de acción voluntaria beneficiadas destes fondos.
Na primeira edición desta convocatoria apoiáronse un total de 18 proxectos diferentes por un valor conxunto de case 500.000 euros.
Persoas maiores e xente nova entre os 16 e 35 anos intercambiarán experiencias e coñecementos en ámbitos como a produción agroalimentaria, a recuperación de oficios tradicionais ou as novas tecnoloxías.

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a listaxe de concellos e entidades de acción voluntaria que obteñen fondos para levar a cabo as súas propostas de voluntariado interxeracional no medio rural. Son un total de 18 proxectos por un valor conxunto de case 500.000 euros ao abeiro desta orde de axudas, que se enmarcan no Plan de recuperación, transformación e resilencia financiada pola Unión Europea (NextGenerationEU).

Esta novidosa proposta impulsada pola Consellería de Política Social e Xuventude tenta facilitar que persoas de máis de 55 anos transfiran a súa experiencia e bo facer a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos en ámbitos como a recuperación de oficios, a produción agroalimentaria ou a posta en valor do turismo e do patrimonio rural galego. Pola súa banda, a xente nova poderá devolver este coñecemento achegando aos maiores as súas habilidades nos campos dixital ou tecnolóxico, entre outros.

O obxectivo deste programa, que se desenvolverá durante os anos 2022 e 2023, é abrir novas oportunidades de futuro e perspectivas laborais no medio rural para a mocidade. Con tal finalidade, realizaranse actividades formativas e de intercambio de coñecementos entre a xente maior e a xuventude.

Entidades de acción voluntaria

No ámbito da atención aos maiores destacan, entre outras, as propostas presentadas pola Escola de Tempo Libre Colaxe e a da ONGD Senvalos. Nelas, as persoas voluntarias participarán en actividades de acompañamento, asistencia ás familias, envellecemento digno, de conectar coas novas tecnoloxías e de agricultura ecolóxica.

Así mesmo, e máis centrado no ámbito da produción agrícola e a inserción laboral, están a proposta da Asociación Os Tres Reinos, para promocionar o cultivo ecolóxico e a transformación do centeo da Mezquita dun xeito tradicional; e o proxecto de Valores Innovation, que porá en contacto a persoas desempregadas con persoas maiores que necesitan coidados, ademais de traballar na promoción do turismo rural e en accións de cohesión tanto tecnolóxica como dixital.

O resto de entidades de acción voluntaria que contarán con estes fondos da Xunta para levar a cabo as súas iniciativas son: a Fundación Amigos de la Barrera, coa proposta ‘E ti, de quen vés sendo’ para a promoción da riqueza social, cultural e ecolóxica; a Fundación Eduardo Pondal, con ‘Os tempos son chegados. O teu talento, o meu futuro’ para impulsar novas iniciativas de emprendemento rural coa recuperación de oficios tradicionais; a Asociación Esgaia Inserta, que contempla no seu proxecto ‘O can na horta’ actividades de coidado de animais de compañía, promoción da adopción e creación dunha horta ecolóxica; e a Federación de centros xuvenís Don Bosco, que con ‘Contaxia Experiencia’ quere dar a coñecer á xente nova as oportunidades do medio rural a través de obradoiros de cociña, roteiros culturais e paisaxísticos, a recuperación de oficios tradicionais como a cestaría ou da música tradicional.

Concellos

Entre as entidades locais, destacan os proxectos presentados de maneira conxunta polos Concellos de Monterrei e Cualedro e o impulsado polos de Vilar de Barrio, Laza e Xunqueira de Ambia. En cada un deles participarán ata 42 mozas e mozos voluntarios, que se encargarán de recuperar experiencias das persoas maiores destas localidades, acompañalas e axudalas nos seus fogares, así como guialas no manexo das novas tecnoloxías de información e comunicación.

Outras Corporacións locais con iniciativas que serán financiadas por este programa da Xunta son: a de Nogueira de Ramuín, cunha proposta centrada no coidado de rutas de sendeirismo; a de San Xoán de Río, para promocionar os cultivos ecolóxicos, protexer a diversidade e promocionar o turismo; a de Ames, con obradoiros de memoria e gravacións de vídeo con fin de fomentar o encontro entre a veciñanza; ou a de Vedra, que procura coa súa proposta promover o turismo, transmitir o coñecemento do sector horticultor e conectar ás persoas maiores ao mundo dixital.

Tamén recibirán apoio económico do Executivo autonómico os proxectos de voluntariado interxeracional dos Concellos de A Pobra de Trives, baseado no intercambio de experiencias entorno a agroalimentación, o medio ambiente e as novas tecnoloxías; o de Cenlle, para sensibilizar sobre a importancia de conservar as tradicións; o de Mos, que inclúe faladoiros, musicoterapia e ensinanza de instrumentos tradicionais, e o das Pontes, para paliar a soidade das persoas maiores con xornadas de convivencia, saídas culturais ou obradoiros de receitas tradicionais, entre outros contidos.

/Talento%20interxeracional