A Xunta apoia o labor das entidades privadas de acción voluntaria con máis de 130.000€ para este 2025

A Xunta apoia o labor das entidades privadas de acción voluntaria con máis de 130.000€ para este 2025

A convocatoria de axudas publicada hoxe ten por obxecto reforzar o traballo das organizacións que fomentan a solidariedade e o compromiso social.
Máis de 600 proxectos, nos que participaron 27.000 persoas, foron seleccionados para estas subvencións desde o lanzamento do programa en 2019.

A Xunta acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria anual de subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e realización de actividades de voluntariado no territorio galego. Esta nova edición do programa de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conta cun orzamento de 130.602,69€ e está destinada a apoiar accións que contribúan a construír unha sociedade máis solidaria e participativa.

Deste xeito, a Consellería aposta por iniciativas estruturadas arredor de tres grandes áreas: sensibilización, para difundir o valor da participación voluntaria; formación, que busca adaptar e modernizar o labor das entidades; e coordinación, centrada no traballo en rede e a cooperación entre organizacións do eido do voluntariado. Todas as accións deberán ser desenvolvidas en Galicia e mediante a participación activa de persoas voluntarias.

As entidades solicitantes deberán estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación da orde, ou ter presentado a súa solicitude de inscrición. Así mesmo, deberán contar cos seguros obrigatorios para as persoas voluntarias e estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social. As solicitudes poderán presentarse ata o 9 de xuño de 2025 a través da sede electrónica da Xunta. Trátase dun procedemento de concorrencia competitiva.

636 proxectos con apoio desde 2019

Desde 2019, este programa permitiu apoiar 636 proxectos de voluntariado, impulsados por entidades privadas sen ánimo de lucro, nos que participaron preto de 27.000 persoas voluntarias en toda Galicia. Só nas edicións de 2023 e 2024 recibiron este apoio 237 organizacións, que promoveron accións de alto impacto social.

Este esforzo reflíctese no compromiso continuado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co fortalecemento do tecido asociativo e coa promoción de valores como a solidariedade, a participación cidadá e a cooperación. Cun investimento acumulado que supera os 840.000 euros nos últimos cinco anos, consolídase unha aposta decidida polo voluntariado como motor de cohesión e transformación social.