A Xunta convoca a quinta edición dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2025

A Xunta convoca a quinta edición dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2025

O certame premiará con 4.000 euros á persoa voluntaria do ano, á entidade de acción voluntaria e ao mellor proxecto, estas dúas últimas modalidades coa condición de estar inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria.
O Diario Oficial de Galicia publicou xa a convocatoria destes galardóns, cuxas solicitudes estarán abertas ata o vindeiro 7 de maio.

A Xunta de Galicia acaba de convocar a quinta edición dos Premios Galicia de Acción Voluntaria para recoñecer o labor solidario de persoas e entidades para este ano 2025. O Diario Oficial de Galicia publicou xa a convocatoria deste certame, que conta con tres modalidades dotada cada unha delas de 4.000 euros.

Tal e como se recolle na orde, as tres categorías galardoadas son: a persoa voluntaria do ano na modalidade individual, a entidade de acción voluntaria e o mellor proxecto de acción voluntaria, estas dúas últimas coa condición de estar inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria. Así, as entidades e persoas interesadas en acadar esta distinción poderán achegar as súas candidaturas ata o 7 de maio, e deberán facelo a través da sede electrónica da Xunta, permitíndose soamente unha candidatura por cada modalidade e entidade.

As propostas que se presenten deberán contar co impreso de solicitude, unha memoria do proxecto ou traxectoria, a documentación oficial acreditativa dos méritos que alega emitida por un organismo público ou privado, así como diplomas e certificados. Ademais deberán incluír unha relación das actividades realizadas e calquera outra documentación que a persoa solicitante considere de relevancia.

Deste xeito, un xurado composto por un máximo de 11 membros, designados entre persoas destacadas no ámbito institucional, social e cultural, será quen faga o exame e valoración das candidaturas para proceder a seleccionar aos galardoados.

Premios da cuarta edición

Na pasada edición, resultaron gañadores deste certame Isabel Rubinos Fernández, na modalidade individual; a Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares (Asotrame), co premio á entidade de acción voluntaria do ano, e Solidaridad Intergeneracional, polo seu proxecto CuentaconMigo.