A Xunta convoca unha nova edición dos ‘Premios Galicia de Acción Voluntaria’ para recoñecer o labor de persoas e entidades no 2022

O certame premiará con 4.000 euros á persoa voluntaria do ano, á entidade de acción voluntaria e ao mellor proxecto, levado a cabo por unha organización de xeito individual ou por varias de maneira conxunta.

A Xunta de Galicia convoca a terceira edición dos Premios Galicia de Acción Voluntaria para recoñecer publicamente o labor solidario de persoas e organizacións durante este ano. O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a nova convocatoria deste certame, que ten tres modalidades dotada cada unha delas de 4.000 euros: galardón á persoa voluntaria, á entidade de acción voluntaria do ano e ao mellor proxecto de acción voluntaria, levado a cabo por unha organización de xeito individual ou por varias de maneira conxunta.

As entidades e persoas interesadas en concorrer a estas distincións, teñen a partir de mañá un mes de prazo para presentar as súas candidaturas, e deberán facelo preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta. Só se permitirá unha candidatura por cada modalidade e entidade.

As propostas candidatas terán que achegar co impreso de solicitude unha memoria do proxecto ou traxectoria; documentación oficial acreditativa dos méritos que alega emitida por organismo público ou privado, tal como diplomas e certificados; unha relación das actividades realizadas e calquera outra documentación que a persoa solicitante considere de relevancia, como por exemplo: apoios á súa candidatura.

O exame e valoración das candidaturas correrá a cargo dun xurado formado por un máximo de 11 membros que serán designados entre persoas destacadas no ámbito institucional e social.

Premiados

Na última edición deste certame, cuxos galardoados se deron a coñecer en decembro de 2021, o premio á voluntaria ou voluntario do ano foi para José Ramón Miguéns Dieste pola súa traxectoria na participación en diferentes áreas de actuación no ámbito do voluntariado, incluído o voluntariado europeo; o premio á entidade de acción voluntaria foi para a Asociación Banco de Alimentos Rías Altas, polo seu traballo en axudar ás persoas máis vulnerables ao longo do ano, e especialmente durante a pandemia; e o recoñecemento ao mellor proxecto recibiuno Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) polo seu servizo de voluntariado para a eliminación do illamento social e comunicativo das persoas xordo cegas e persoas xordas en situación de exclusión social.

Galicia solidaria

Galicia é unha das comunidades máis solidarias a nivel estatal ao contar cunha gran rede de entidades e voluntarios axudan a facer de Galicia un mellor lugar no que vivir. Na actualidade hai máis de 1.070 entidades e preto de 45.000 persoas voluntarias inscritas no rexistro oficial da Xunta de Galicia.