A Xunta de Galicia financia 45 proxectos de voluntariado sénior de entidades e concellos

Preto dunha vintena corresponden a concellos inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia e 26 a entidades de acción voluntaria.

Destínanse 100.000 euros a financiar as actividades e proxectos que conten coa participación de persoas maiores de 55 anos

A Xunta de Galicia financia 45 proxectos de Voluntariado Sénior de 26 entidades de acción voluntaria e 19 concellos inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o día 5 de agosto a resolución da concesión desta liña de subvencións que sufraga iniciativas que teñen como obxectivo incorporar aos maiores de 55 anos como persoas voluntarias.

Esta orde de axudas conta cun orzamento de 100.000 euros. Cómpre recordar que os proxectos terán unha duración de entre 15 e 60 días, e levaranse a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano 2020.

Deuse prioridade aos proxectos que procuran a promoción do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2021; actividades de recuperación da cultura, a arte e as tradicións galegas; conservación e mellora da natureza e creación de contornas sustentables; igualdade de xénero; iniciativas orientadas á innovación e investigación sobre o benestar dos maiores; accións de humanización de contornas rurais e urbanas; fomento de uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación; sondaxes sobre as necesidades da veciñanza; eliminación dos estereotipos sobre as persoas maiores e fomento da cooperación interxeracional entre os maiores e a mocidade, como xeito de aprendizaxe mutuo.

O programa de Voluntariado Sénior cumpre un triplo obxectivo. O primeiro, manter a Galicia como comunidade de referencia neste ámbito. O segundo é contribuír ao envellecemento activo e o terceiro obxectivo consiste en aproveitar os coñecementos e a experiencia das galegas e galegos de máis idade, que ten unha importancia vital a nivel social.

/Voluntariado%20s%C3%A9nior%202020