A Xunta de Galicia fomenta o voluntariado sénior entre as persoas maiores de 55 anos.

A Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social destina 100.000 € para convocar subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado Sénior, que realicen proxectos desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de outubro de 2021.

Este programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, persoas maiores de 55 anos para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado.

Proxectos subvencionables: Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan persoas maiores de 55 anos e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes actividades:

  1. Actividades relacionadas co Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021.

  2. Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

  3. Actividades orientadas á conservación e mellora da natureza e creación de contornas sustentables.

  4. Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.

  5. Actividades orientadas a innovación e investigación en relación co benestar das persoas maiores.

  6. Actividades orientadas a humanización das contornas rurais e urbanas partindo da experiencia e da realidade na que se moven de xeito habitual.

  7. Actividades relacionadas co fomento da utilización das TIC por e para este colectivo.

  8. Actividades orientadas á catalogación de necesidades comunitarias destinadas a recoller iniciativas de mellora dos servizos comunitarios.

  9. Actividades orientadas a eliminar estereotipos sobre as persoas maiores e a crear unha imaxe máis social e dinámica deste colectivo.

  10. Actividades orientadas a fomentar a cooperación interxeracional entre persoas mozas e persoas maiores, como xeito de aprendizaxe mutua.

  11. Actividades novidosas adaptadas ao novo escenario xerado para facer fronte á COVID-19.

Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de outubro de 2021. As xornadas diarias serán de 3 horas como mínimo e se son inferiores sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 3 horas.

Requisitos: 1) As entidades de acción voluntaria e as entidades locais deben estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. 2) Terán sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolveran os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de persoas voluntarias. 3) Terán debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias. 4) Estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. 5) No caso das entidades locais, ter cumprida a obriga de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio.

As solicitudes presentaranse en  https://sede.xunta.gal  co procedemento BS508C.

prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 30 de abril de 2021.

Máis información no DOG núm. 61 do 31 de marzo de 2021.