A Xunta de Galicia promove o voluntariado xuvenil entre as persoas mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos

A Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social destina 255.000 € para convocar subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, que realicen proxectos desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de outubro de 2021.

Este programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, mozos/as galegos/as para a súa colaboración como voluntarios/as na realización dos proxectos de voluntariado.

Proxectos subvencionables: Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan mozos/as de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos; para os menores de 18 anos precísase, ademais, autorización do pai/nai ou titor/a legal, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes actividades:

a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.
b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.
c) Actividades con colectivos en situación de risco.
d) Actividades xuvenís.
e) Actividades ambientais.
f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero ou actuacións dirixidas a proxectos ou programas que desenvolvan medidas orientadas á prevención e sensibilización en materia de violencia de xénero.
g) Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.
h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.
i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.
j) Actividades relacionadas coa COVID-19 no actual contexto de crise sociosanitaria.

Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de outubro de 2021. As xornadas diarias serán de 6 horas como mínimo e se son inferiores sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.

Requisitos: 1) As entidades de acción voluntaria e as entidades locais deben estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. 2) Terán sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolveran os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de persoas voluntarias. 3) Terán debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias. 4) Estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. 5) No caso das entidades locais, ter cumprida a obriga de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio.

As solicitudes presentaranse en https://sede.xunta.gal co procedemento BS320A.

prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 30 de abril de 2021.

Máis información no DOG núm. 61 do 31 de marzo de 2021.