A Xunta destaca a forza e o compromiso solidario das máis de 1.000 entidades e 52.000 persoas voluntarias no Día Internacional do Voluntariado

Cristina Pichel puxo en valor o traballo altruísta destas persoas, que “agasallan tempo e ofrecen unha man tendida a quen máis o necesita cando máis o necesita”.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe, con motivo do Día Internacional do Voluntariado, a forza e o compromiso solidario das máis de 1.000 entidades deste ámbito rexistradas en Galicia e das 52.000 persoas voluntarias que destinan parte do seu día a axudar aos demais. Fíxoo durante unha vista ao grupo de voluntarios sénior que colabora coa Asociación de Familiares Enfermos de Alzhéimer de Ourense (Afaor).

Cristina Pichel agradeceu o apoio de todas as persoas voluntarias galegas que “agasallan tempo e ofrecen unha man tendida a quen máis o necesita cando máis o necesita”. Así mesmo, lembrou o impulso do Goberno galego ou voluntariado xuvenil, sénior e interxeracional.

Neste contexto, Cristina Pichel salientou a iniciativa de Afaor, a través da cal, oito persoas dan apoio aos profesionais nas actividades de estimulación mental e prevención da deterioro cognitivo que se desenvolven na entidade. Ademais, estes voluntarios tamén recibiron formación no manexo de computadores, tablets e móbiles con acceso a internet, coñecementos que despois trasladaron aos usuarios de Afaor.