A Xunta destina 210.000 € a impulsar programas de voluntariado xuvenil

A Xunta destina 210.000 € a impulsar programas de voluntariado xuvenil

A convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia está destinada a accións que impliquen á xente nova no benestar das persoas maiores ou en accións ambientais, entre outras.
As entidades locais e as entidades de acción voluntaria poden solicitar estas axudas ata o 2 de marzo.
Esta liña encádrase no compromiso do Goberno Galego co recoñecemento ás persoas voluntarias e na súa contribución ao desenvolvemento da sociedade.

A Xunta de Galicia destinará este ano 210.000€ para impulsar programación de voluntariado xuvenil. Será a través da convocatoria publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia cuxa finalidade é colaborar tanto entidades locais como entidades de acción voluntaria para levar a cabo proxectos de voluntariado que impliquen a persoas mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.

En concreto, a iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está dirixida a iniciativas vencelladas co Camiño de Santiago, coa recuperación da cultura, arte e tradicións populares galegas e con actividades con colectivos xuvenís e en situación de risco. Teranse en conta tamén aquelas propostas que impliquen accións ambientais ou medidas relacionadas co ámbito familiar e a prol do benestar das persoas maiores. Entre os obxectivos atópase ademais apoiar intervencións encamiñadas a fomentar a igualdade de xénero e a sensibilización ao respecto e a posta en valor do medio rural.

As solicitudes para esta partida deben presentarse por vía electrónica a través do formulario dispoñible en www.sede.xunta.gal, e o prazo está aberto ata o 2 de marzo. Os proxectos subvencionables deben ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2026.

A través desta orde de axudas, o Goberno galego colabora na promoción de actividades no eido do voluntariado e recoñece o labor das organizacións e das persoas que, tomando parte destas iniciativas, contribúen e inflúen no desenvolvemento da nosa sociedade.