A Xunta destina preto de 900.000€ a programas de voluntariado xuvenil e interxeracional no rural

A Xunta destina preto de 900.000€ a programas de voluntariado xuvenil e interxeracional no rural

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega case 600.000€ a iniciativas que unan mocidade e maiores de 55 anos para dinamizar concellos menos poboados.
Un total de 255.000€ irán destinadas a accións que impliquen a xente nova no benestar das persoas maiores ou no fomento de igualdade de xénero, entre outras.

A Xunta de Galicia destinará este ano 2025 preto de 900.000€ para impulsar programación de voluntariado xuvenil e interxeracional no rural. Farao a través de dúas convocatorias publicadas esta semana no Diario Oficial de Galicia cuxa finalidade é dinamizar os concellos menos poboados ao tempo que se melloran as perspectivas laborais da xuventude.

Deste xeito, por unha banda publícase a convocatoria para programas de voluntariado xuvenil, cun total de 255.000 euros, e tamén para iniciativas de talento interxeracional no medio rural por valor de case 600.000 euros.

Programas que unen persoas de máis 55 anos con mocidade de 16 a 36

En canto ás axudas para programas de voluntariado interxeracional, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude o que procura con estas partidas é poñer en contacto a persoas de 55 anos ou máis con mozos e mozas de 16 a 35 anos. Deste xeito, este grupo desenvolverá conxuntamente iniciativas de investigación, innovación e mellora do medio rural, a través de accións axeitadas á realidade social e económica da zona onde se leven a cabo.

Con esta finalidade, terase en conta que os programas que se presenten teñan como obxectivo a estruturación dunha nova economía de coidados baseada na atención centrada na persoa, a recuperación ou anovación de actividades e oficios relacionados coa produtividade da zona ou o Impulso de novas iniciativas locais en materia de produción de produtos agroalimentarios de calidade e sustentables de cara á súa mellor proxección e posición no mercado.

Ademais, tamén se valorará que as intervencións procuren o recoñecemento e posta en valor da riqueza medioambiental, patrimonial ou turística da localidade onde se executen. De igual forma, priorizaranse aqueles proxectos que busquen implantar novos modelos dixitais ou tecnolóxicos que atendan as necesidades da zona ou que permitan mellorar os existentes.

Voluntariado xuvenil

Con respecto á convocatoria de axudas a programas de voluntariado xuvenil, estas partidas están dirixidas a iniciativas vencelladas co Camiño de Santiago, coa recuperación da cultura, arte e tradicións populares galegas e con actividades con colectivos xuvenís e en situación de risco.

Tamén terán maior baremo na puntuación que se lles dean aos proxectos presentados aqueles que impliquen accións ambientais ou medidas relacionadas co ámbito familiar e a prol do benestar das persoas maiores. Estas axudas tamén procuran apoiar intervencións encamiñadas a fomentar a igualdade de xénero e a sensibilización ao respecto e a posta en valor do medio rural.

A estas dúas partidas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude poden optar tanto entidades locais como privadas sen ánimo de lucro. En ambos dous casos é preciso presentar as solicitudes por vía electrónica a través do formulario dispoñible en www.sede.xunta.gal. Para talento interxeracional no medio rural, o prazo está aberto ata o 14 de febreiro e para voluntariado xuvenil, ata o 17 dese mesmo mes.

A través destas ordes de axudas, o Goberno galego colabora na promoción de actividades no eido do voluntariado e recoñece o labor das organizacións e das persoas que, tomando parte destas iniciativas, contribúen e influén no desenvolvemento da nosa sociedade.