A Xunta enxalza a natureza autóctona a través do campo de voluntariado de Ribeira
A actividade desenvólvese na maior duna de Galicia, a de Corrubedo, e nunha zona húmida e de extensas marismas con gran importancia internacional
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe aos 15 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que participan no campo de voluntariado de Ribeira. Desde o 6 de agosto ata o mércores 17, os e as participantes realizan actividades en plena natureza cun importante valor medioambiental, cultural e patrimonial.
Os mozos e mozas centran as súas actuacións no Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. Durante a súa estancia, as persoas voluntarias realizan labores de mantemento dos espazos naturais, reconstrución e consolidación de sendas, eliminación de especies alóctonas, vixilancia de lumes e informan e sensibilizan aos visitantes.
Ademais, os e as participantes desenvolven actividades complementarias de lecer como observación estelar, actividades grupais guiadas, navegación pola Ría de Arousa, deportes acuáticos como paddle surf ou caiac, rutas culturais e históricas ou visitas ao centro de interpretación do ecosistema litoral de Galicia, entre outras.
Así, Cristina Pichel puxo en valor a importante dimensión cultural, medioambiental e internacional do campo de voluntariado. A través de todas as actividades, as persoas voluntarias teñen a oportunidade de coñecer a riqueza do patrimonio autóctono e, ademais, permítelles coñecer a importancia da sensibilización ambiental e dos valores que engloba.