A Xunta fomenta o coidado de espazos naturais e a integración co campo de voluntariado de Amicos

As directoras xerais de Xuventude e de Patrimonio Natural, Cristina Pichel e Belén do Campo, respectivamente, visitaron hoxe aos participantes nesta actividade, que forma parte da campaña ‘O verán que queres contar’.
As mozas e mozos que se dan cita nesta iniciativa colaboran durante doce días en dis-tintas actividades de conservación do medio ambiente.

As directoras xerais de Xuventude e de Patrimonio Natural, Cristina Pichel e Belén do Campo, respectivamente, estiveron hoxe no piñeiral da praia da Corna coas persoas que participan no campo de voluntariado de Amicos. Esta actividade, enmarcada na Campaña de Verán da Xunta de Galicia, desenvólvese principalmente na illa de Sálvora e na mesma participan 14 mozos de entre 18 e 30 anos.

O obxectivo deste campo de voluntariado é difundir entre os participantes valores de coidado da natureza e, particularmente, dun ecosistema protexido como é o do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Durante esta experiencia, que comezou o pasado día 4 de xullo e rematará este venres, lévanse a cabo actividades como a construción e instalación de niños para distintas especies, a limpeza das praias ou traballos de conservación en xeral. Ao tempo, desfrutan de momentos de lecer como os dedicados a xogos tradicionais ou caiac; e de excursións a Santiago de Compostela ou aos castros da zona.

Na súa visita, Cristina Pichel puxo en valor o traballo voluntario como chave para conservar e mellorar unha contorna tan importante e sensible como a da illa. Neste senso, sinalou aos campos de voluntariado como unha iniciativa que promove valores esenciais entre a xente moza mentres desfruta de actividades de lecer. Este verán a Xunta ten programados 45 campos de voluntariado como este de Amicos, dentro da maior oferta estival da historia da comunidade.

Parque natural de Corrubedo

Pola súa banda, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, agradeceu a invitación de Amicos para coñecer o campo de voluntariado e as actividades previstas, subliñando a fluída colaboración que mantén o seu departamento desde hai anos con esta asociación. Así, referiuse ao labor medioambiental que, precisamente, os días 5 e 7 de xullo desenvolveu no Parque natural de Corrubedo, coa retirada de especies alóctonas (plantóns de pino e margarida africana) ao redor do centro de interpretación.

Do mesmo xeito, destacou todas as accións que realiza no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, como o mantemento en Sálvora a través dun contrato ou a colocación de hoteis de insectos nos catro arquipélagos, entre outras.

Finalmente, do Campo incidiu no papel clave que ten o voluntariado ambiental na protección da biodiversidade, xa que promove medidas que repercuten de forma positiva na fauna e flora autóctonas, e ofrece aos participantes a posibilidade de coñecer en profundidade e de apreciar a riqueza que caracteriza os espazos naturais galegos.

O campo de voluntariado de Amicos forma parte da campaña O verán que queres contar, que pon a disposición dos mozos de Galicia máis de 10.800 prazas, das que 475 son en campos como este que hoxe se visitou.

/Campo%20de%20voluntariado