A Xunta impulsa co Concello de Mos un programa de voluntariado interxeracional centrado nos coidados aos maiores

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel e a alcaldesa da localidade pontevedresa, Nidia Arévalo, asistiron hoxe á presentación do proxecto.
A iniciativa leva por título ‘Compartindo experiencias de vida’ e inclúe actividades como faladoiros, exercicios físicos na casa, musicoterapia ou ensinanza de instrumentos tradicionais.

A Xunta de Galicia impulsa, da man do Concello de Mos, un programa de voluntariado interxeracional centrado na atención ás persoas maiores do municipio. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, animaron hoxe á participación da veciñanza nesta iniciativa, que leva por título ‘Compartindo experiencias de vida’.

Este proxecto, que hoxe se presentou, contempla a realización dun amplo programa de actividades nas que xente nova e persoas maiores compartirán experiencias. Entre as accións que se levarán a cabo, salientan os faladoiros, lectura, exercicios físicos na casa, musicoterapia, actividades lúdicas ou ensinanza de instrumentos tradicionais. O obxectivo desta proposta é que as mozas e mozos se impliquen no coidado e atención aos veciños de máis idade desta localidade pontevedresa.

O Concello de Mos é unha da vintena de entidades locais e de acción voluntaria que desenvolven proxectos a través da primeira edición do programa de voluntariado interxeracional no rural posto en marcha polo Goberno galego. A través de experiencias como a que se levará a cabo en Mos quérese favorecer a formación e intercambios de coñecementos entre os maiores e a mocidade.

Oportunidades

Neste sentido, a directora xeral de Xuventude destacou que a finalidade é abrir novas oportunidades de futuro e perspectivas laborais para a mocidade. Así, explicou que o voluntariado interxeracional permite conxugar o talento e a experiencia das persoas maiores coas inquedanzas e curiosidades da xente nova.

Trátase de que as persoas de máis de 55 anos compartan a súa experiencia en ámbitos como a recuperación de oficios, a produción agroalimentaria, a posta en valor do patrimonio e o turismo con mozos e mozas de entre 16 e 35 anos. Estes poderán devolver este coñecemento achegando á xente maior nocións en modelos dixitais e tecnolóxicos, entre outros.

Titorización

O programa de voluntariado interxeracional conta cun orzamento de 760.000 euros, púxose en marcha a finais do ano pasado e continuará durante 2023, principalmente en lugares do medio rural. Esta novidosa proposta está dirixida a entidades de acción voluntaria, tanto locais como asociativas. Todos os proxectos están integrados por grupos interxeracionais e funcionan por un sistema de parellas, no que cada persoa voluntaria maior de 55 anos encargase de titorizar a un mozo.

/Concello%20de%20Mos