A Xunta impulsa o coidado e a conservación da Vía da Prata a través do novo programa de voluntariado ambiental

◾Dez persoas están a desenvolver actividades de sensibilización e coñecemento do patrimonio ambiental e natural no Camiño de Santiago

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe as tarefas de coidado e conservación que realizan os participantes do novo programa de voluntariado ambiental no Camiño de Santiago. En concreto, unha decena de persoas están a desenvolver actividades de sensibilización na Vía da Prata ao seu paso polo concello ourensán de Sarreaus.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado salientou a importancia de poñer en valor o Camiño de Santiago e máis especialmente en Ano Xacobeo. Así mesmo, recordou que o Programa de voluntariado ambiental é unha nova iniciativa con actividades deseñadas en diferentes etapas de todo o Camiño, máis polo miúdo: Camiño Francés, na etapa de Sarria a Portomarín; Vía da Prata, de Laza a Vilar de Barrio; Camiño Fisterra-Muxía, na etapa de Muxía a Fisterra; Camiño Inglés, desde Sigüeiro a Santiago; Camiño Primitivo, de Castroverde a Lugo; e Camiño do Norte, de Lourenzá a Mondoñedo.

Os voluntarios, un máximo de 10 por quenda ata un total de 100, desenvolven actividades de sensibilización e coñecemento do patrimonio ambiental e natural; de información, axuda e concienciación ambiental aos peregrinos; e labores de vixilancia ambiental e localización de posibles puntos que requiran dun posterior estudo ou revisión.

/V%C3%ADa%20de%20la%20Plata%20del%209%20al%2013%20de%20agosto