A Xunta lanza un novo programa de voluntariado ambiental en espazos protexidos e esgota xa todas as prazas dispoñibles

◾A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a de Política Social, Fabiola García, presentaron esta iniciativa no Monte Aloia esta semana

◾Os dous departamentos autonómicos volverán a colaborar para darlle continuidade ao proxecto LEWO, unha iniciativa dirixida a mozos voluntarios e que se desenvolveu no período 2018-2020 en diferentes espazos naturais da Comunidade

◾Un dos obxectivos deste novo programa é fomentar o respecto polo patrimonio natural a través de grupos de voluntarios interxeracionais

A Xunta de Galicia estreará este mes un novo programa de voluntariado ambiental que, a día de hoxe, xa esgotou as 228 prazas ofertadas para poder participar nalgunha das 20 actuacións proxectadas nos próximos meses en diversos espazos naturais.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, presentaron o programa no Parque Natural Monte Aloia, un dos lugares que acollerá esta iniciativa, impulsada por ambos departamentos.

Ángeles Vázquez adiantou que están programadas accións nos seis parques naturais da Comunidade; no Parque Nacional das Illas Atlánticas; nas reservas da biosfera Terras do Miño, na do Eo, Oscos e Terras do Burón, na das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e na do Xurés-Gêres; así como noutros espazos protexidos polo seu valor medioambiental, como os ZEC Ancares-Courel e Canón do Sil ou o Xeoparque Montañas do Courel.

En cada unha delas, o traballo dos participantes consistirá, basicamente, na realización de tarefas de limpeza, sinalización, eliminación de especies exóticas invasoras ou catalogación de fauna e flora. Precisamente, o novo programa comezará esta fin de semana no Xeoparque —o único declarado pola Unesco no noroeste de España— e prolongaranse ata o mes de setembro. No caso concreto do Monte Aloia as accións de voluntariado están programadas para os días 13, 14 e 15 de agosto.

Respecto e coidado pola natureza

Pola súa banda, a conselleira de Política Social destacou que a finalidade deste programa é fomentar a cooperación e o traballo desinteresado desde unha perspectiva interxeracional, á par que se impulsa o respecto e o coidado por un dos grandes tesouros de Galicia, o seu patrimonio natural.

Neste sentido, Fabiola García resaltou a xenerosidade e entrega que caracteriza aos galegos, un feito que se reflicte en que Galicia é un dos referentes no ámbito do voluntariado en España, pois conta con máis de 1000 entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria e máis de 9000 voluntarios activos nos programas da Xunta.

Conservación da biodiversidade

Con esta nova acción dáselle continuidade ao proxecto LEWO, o programa de voluntariado ambiental para mozos impulsado por ambas consellerías e a través do cal se acometeron 60 actuacións entre 2018 e 2020. Vázquez Mejuto amosou a súa confianza na resposta que darán os voluntarios galegos ante a oportunidade de volver colaborar no mantemento e conservación dalgunha das principais xoias naturais da Comunidade.

De feito, no acto de presentación tamén participou Noelia Rodríguez, unha das rapazas que hai ano e medio formou parte do proxecto LEWO colaborando na reconstrución da Muralla Ciclópea, no Monte Aloia, un espazo do que, dixo, quedou namorada. “A verdade é que non coñecía este parque natural e ter a posibilidade de ir cuns grandes profesionais que nos ían explicando todo é un privilexio. Tiven a sorte de aprender moito”, declarou.

Este tipo de programas son de grande importancia para unha Comunidade que aspira a que o 42% do seu territorio estea amparada baixo algunha figura de protección. Así, a Xunta opta aos fondos europeos do plan de recuperación estatal cun ambicioso proxecto para a conservación da biodiversidade e do patrimonio na Rede de parques naturais de Galicia. O orzamento total das medidas a executar é de 16 millóns de euros, contía que permitiría actuar sobre máis de 800 hectáreas, apostando pola mellor adaptación ao cambio climático destes espazos protexidos.

/Voluntariado%20ambiental%20interxeracional%202021