A Xunta participa no XXII Congreso Estatal de Voluntariado celebrado en Tenerife

Durante a cita farase entrega dos Premios Estatales de Voluntariado 2022.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acudiu hoxe ao XXII Congreso Estatal de Voluntariado que se está a celebrar en Tenerife co obxectivo de compartir os retos que presenta o voluntariado, o que atinxe ás entidades do eido e ás persoas involucradas, así como o papel que desenvolven as administracións públicas e a súa relación co ámbito.

O evento, que se organiza no Auditorio de Tenerife Adán Martín, serve para impulsar actuacións innovadoras e transformadoras de cara aos próximos anos en todas as áreas e sectores do voluntariado para alcanzar os obxectivos de desenvolvemento sostible e a Axenda 2030. No 2018 fora Galicia a encargada de organizar esta cita que se realiza ao abeiro do Día internacional do Voluntariado, que se celebra o 5 de decembro.

Durante a tarde de hoxe e a xornada matutina de mañá celébranse varias conferencias e mesas redondas para abordar a realidade do voluntariado en España. Tamén se tratarán temas concreto e experiencias como o papel do voluntariado na crise volcánica da Palma. Así mesmo, no día de mañá realizarase a entrega dos Premios Estatales de Voluntariado 2022.