A Xunta pon en marcha grupos de voluntariado lingüístico para impulsar o galego entre a mocidade

A Xunta pon en marcha grupos de voluntariado lingüístico para impulsar o galego entre a mocidade

O secretario xeral da Lingua e a directora xeral de Xuventude presentaron o programa de dinamización ‘Queres falar?’
A proposta forma parte do paquete de medidas elaborado polo Goberno autonómico para impulsar o uso do idioma ao abeiro do Pacto pola Lingua.
Valentín García destaca que “a mocidade é un grupo de poboación principal no noso plan de acción transversal”.
Lara Meneses incide “no importante papel da acción voluntaria para a dinamización lingüística”.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentaron hoxe o programa de voluntariado lingüístico Queres falar? destinado a promover o uso do galego entre a mocidade a través de conversas entre galegofalantes habituais e persoas que queiran mellorar a súas habilidades no idioma ou incoporalo de novo á súa fala.

Tal e como explicou o responsable de Lingua da Xunta, esta iniciativa forma parte do plan de medidas elaborado ao abeiro do Pacto pola Lingua que o Goberno autonómico está a desenvolver coa implicación dos grupos parlamentarios e distintas institucións para incentivar a presenza social do idioma. Neste sentido, Valentín García reiterou que “a mocidade é un dos grupos de poboación principais nos que baseamos o plan de accións que temos en marcha para fomentar o uso da lingua”, ao que engadiu que “esta é unha boa mostra do traballo transversal entre distintos departamentos, tanto dentro da Consellería como con outras áreas da Xunta, a prol da lingua”.

Neste contexto, Lara Meneses tamén fixo fincapé no “importante papel que podemos ter desde Xuventude no marco da campaña Saca a lingua que levas dentro impulsando o achegamento ao idioma desde a acción voluntaria”. Así, apuntou, “estamos especialmente involucrados coa dinamización lingüística por medio de propostas innovadoras e integradoras como son estes grupos de conversa que organizamos nos Espazos Xove”.

É nestes centros, repartidos por varios puntos de Galicia, nos que se desenvolverá o programa, de maneira que os mozos e mozas teñan a posibilidade de practicar o galego durante dúas horas á semana con persoas galegofalantes, ao que se lle sumarán outras actividades complementarias.

Día do Voluntariado

Os representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, fixeron este anuncio coincidindo co Día internacional do Voluntariado, polo que quixeron resaltar “a achega que fan á sociedade en moi diferentes ámbitos os programas de voluntariado, como neste caso que supón un soporte importante para nosa lingua e a nosa cultura”.

Neste sentido, tal e como explicou Lara Meneses, desde a Dirección Xeral de Xuventude promóvense anualmente diversos programas de voluntariado en diferentes eidos de actuación como son o social, o ambiental, o sanitario ou o cultural, entre outros, dirixidos á mocidade e ás persoas maiores. Todas estas iniciativas teñen en conta a importancia dos colectivos de acción voluntaria como elementos configuradores e de mellora da estrutura social.

No que respecta á cultura, actualmente cóntase con programas deste tipo nas bibliotecas e, a través do Plan Proxecta, nos centros escolares. Cómpre destacar, ademais, que desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convócanse axudas para o voluntariado xuvenil, sénior, entidades privadas, voluntariado interxeracional ou mesmo distintos premios relacionados con esta actividade.

Saca a Lingua