A XUNTA PORÁ EN MARCHA UN NOVO PROGRAMA DE VOLUNTARIADO INTERXERACIONAL NO MEDIO RURAL

O obxectivo da iniciativa é fomentar os encontros e as actividades entre mozos de entre 16 e 35 anos e maiores de 55 anos para impulsar o seu crecemento persoal e profesional.
Conta cun orzamento de 760.000 euros para impulsar a recuperación de oficios, a produción agroalimentaria ou o deseño de modelos dixitais e tecnolóxicos, entre outras.

O Consello da Xunta aprobou hoxe a posta en marcha dun novo programa de voluntariado interxeracional que se desenvolverá no medio rural coa intención de seguir mellorando as perspectivas de crecemento e posta en valor e impulsar novas oportunidades de inserción laboral á mocidade. Esta iniciativa novidosa contará cun orzamento de 760.000 euros, distribuídos entre 2022 e 2023 para impulsar diferentes actividades con mozos e mozas de entre 16 e 35 anos e persoas maiores de 55.

Este programa está dirixido a entidades de acción tanto locais como asociativas e centrarase nas zonas do rural galego. Procura fomentar actividades formativas, de intercambio de experiencia e coñecementos, nos concellos de menor tamaño vinculados a ámbitos como a nova economía dos coidados, a recuperación de actividades ou oficios, a produción agroalimentaria, a recuperación do patrimonio e o turismo e o deseño de modelos dixitais e tecnolóxicos.

A Xunta de Galicia aposta polas iniciativas de carácter interxeracional coa intención de sumar esforzos entre as persoas mozas e as de máis idade para favorecer o crecemento persoal e tamén laboral dos máis novos. Deste xeito, os proxectos deberán estar integrados por grupos interxeracionais e funcionarán por un sistema de parellas, no que cada persoa voluntaria maior de 55 anos encargarase de titorizar a un mozo ou moza.