A xunta potencia con máis de 1,4 M€ as axudas con cargo ao 0,7% do IRPF para programas sociais dirixidos á xuventude e ao voluntariado
A xunta potencia con máis de 1,4 M€ as axudas con cargo ao 0,7% do IRPF para programas sociais dirixidos á xuventude e ao voluntariado
O Consello aproba a orde para regular a concesión de subvencións, cun importe máximo entre 10.000€ e 30,000€, segundo o proxecto.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en valor estas axudas de vertebración social que a cidadanía realiza a través da súa declaración da renda.
A Xunta de Galicia reforza con máis de 1,4 M€ as axudas con cargo ao 0,7 % do Imposto sobre Renda das Persoas Físicas e do imposto de Sociedades no ano 2024 dirixidas á realización de programas sociais tanto para a xuventude como para o voluntariado. Trátase dun investimento autorizado hoxe polo Consello da Xunta e que ten como novidade que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incorpora dúas novas liñas, —de 100.000 euros cada unha delas— para que as entidades xuvenís e tamén as de voluntariado poidan acceder a subvencións para acondicionar o seus locais e adquirir equipamento e material.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude potencia así un programa de axudas que se considera esencial e que ten permitido, nos últimos anos en Galicia, a execución de importantes programas. Trátase, por tanto, dunhas achegas que constitúe na nosa comunidade un verdadeiro instrumento de vertebración social e que teñen o valor de que se levan a cabo a través da asignación tributaria da cidadanía coa súa declaración anual da renda.
Na convocatoria deste ano establecéronse catro liñas de axudas: unha para actuacións dirixidas á xuventude, outra para accións destinadas ao voluntariado e outras dúas para mellorar, respectivamente, os locais das entidades xuvenís e de voluntariado. Deste xeito, preténdese que conten con partidas para acondicionar as súas instalacións e posibilitaráselles a adquisición de material inventariable e equipamento. Precisamente estas dúas últimas liñas —que supoñen en global 200.000€ máis— son a novidade da convocatoria a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para este 2024.
Fomentar hábitos saudables e mellorar a empregabilidade da mocidade
En canto ás liñas para actuacións dirixidas á xuventude, priorizaranse nestas subvencións aqueles programas que difundan hábitos de vida saudable entre a mocidade. De igual xeito, tamén son obxecto destas axudas aqueles proxectos que procuren a mellora da empregabilidade da xente nova ao igual que aquelas iniciativas de educación non formal que faciliten a súa integración social.
No ámbito de accións destinadas ao voluntariado, valoraranse as iniciativas que fomentan a participación activa en entidades destas características. Tamén serán obxecto desta subvención aqueles programas dirixidos á formación das persoas voluntarias e tamén aqueles que teñan como finalidade sensibilizar a poboación en xeral sobre a importancia da acción voluntaria e o seu recoñecemento como axente de cambio e transformación social.
Requisitos das entidades para presentarse as axudas
Poderán ser beneficiarias desta orde de convocatoria as entidades do terceiro sector de acción social e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan requisitos, como de estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico.
De igual xeito, deben carecer de ánimo de lucro e os seus fins institucionais teñen que corresponder á realización e á execución de programas sociais de similar natureza á dos programas aos que van dirixidas estas axudas.
Ademais, as entidades, asociacións, agrupacións, federacións ou confederacións deben contar con experiencia e especialización durante un prazo mínimo de 2 anos no ámbito territorial de Galicia na xestión e execución de cando menos un dos programas aos que concorre. Ademais, de acreditar que posúen os medios persoais e materiais necesarios para o desenvolvemento destas actuacións.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente pola sede electrónica da Xunta de Galicia e o prazo será de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG.
Proxectos e subvención máxima
Tamén cómpre precisar que o orzamento mínimo dun programa para poder presentarse a estas axudas debe ser de 5.000 €. Ademais, segundo a liña de subvención a que se que se queira acceder das catro existentes, está fixado un número máximo de programas que a entidade sen ánimo de lucro pode presentar. Nalgúns supostos só pode ser un único proxecto, mentres que noutros casos posibilítase ata un máximo de tres. O mesmo ocorre coa cantidade de axuda a recibir por proxecto, que nalgúns casos non poderá superar unha aportación de 10.000€ e noutras iniciativas, o límite subvencionable son 30.000€.
Os programas deben desenvolverse integramente no territorio da Comunidade durante o ano 2025, sendo a data límite de presentación da documentación xustificativa o 15 de marzo de 2026.
 
 