A Xunta promove a recuperación das tradicións co novo campo de voluntariado ‘Saberes de onte e de sempre’ de Bande

O grupo de voluntariado que se da cita nesta proposta entrevista á veciñanza da zona para coñecer lendas, historias e o pasado da vila

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe o campo de voluntariado Saberes de onte e de sempre, que se celebra dende o pasado martes na localidade ourensá de Bande. Trátase dun programa de nova creación, dentro da campaña O verán que queres contar do Goberno galego, que busca recuperar as tradicións populares da vila.

Durante esta experiencia, que se prolongará ata o vindeiro sábado, as e os participantes entrevistan aos veciños para coñecer e recompilar por escrito saberes, tradicións, lendas e oficios antigos. O obxectivo é poñelos en valor, garantir a súa preservación e difundilos ás novas xeracións. O programa inclúe visitas ao campamento romano Aquis Querquennis, o Parque Natural do Xurés ou a zona termal; así como actividades como baños no río ou caiac.

Cristina Pichel lembrou aos participantes a importancia do seu traballo, deixando para a posteridade o legado dun patrimonio que se perdería de non ser pola súa intervención. Tamén destacou a boa acollida que está a ter a nova edición da Campaña de Verán da Xunta, tanto pola oportunidade de lecer e diversión que supón para a mocidade como por tratarse dun recurso de conciliación fundamental para moitas familias.

A campaña de verán da Xunta deste ano é a máis ambiciosa da historia con 10.800 prazas en campos de voluntariado, campamentos, minicampamentos e outras actividades.

/CAMPO%20DE%20VOLUNTARIADO%20BANDE%202022