A Xunta promove un campo de voluntariado en Cíes durante todo o verán para colaborar na conservación das illas
Os 15 participantes, de entre 18 e 30 anos, realizan tarefas de mantemento e sensibilización de visitantes, entre outras
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os e as mozos de entre 18 e 30 anos que participan no campo de voluntariado Illas Cíes, que se centra na conservación e mantemento da contorna natural. O programa, desenvolvido en pleno Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, acolle ata este venres ao seu terceiro grupo de persoas voluntarias.
Nesta iniciativa, os 15 participantes desenvolven tarefas de mantemento da illa, vixilancia de lumes ou información e sensibilización dos visitantes, xunto con intervencións puntuais en colaboración cos técnicos medioambientais do parque. Ademais, cando as condicións o permiten, realízanse tamén actividades de limpeza na illa sur do arquipélago, a única das tres que non está comunicada mediante barco de pasaxeiros.
Ademais, estes mozos e mozas gozan durante a súa estadía doutras actividades complementarias. Entre elas destacan exercicios de mergullo, rutas guiadas ou veladas temáticas, acompañadas de obradoiros sobre distintas disciplinas. Aínda poderá desfrutar deste campo de voluntariado outro grupo de mozos e mozas máis, o cuarto que pasa polo programa este verán, durante a segunda quincena deste mes.
Durante a visita, Cristina Pichel destacou a importancia do voluntariado para preservar unha contorna natural como a das Cíes, que tan importante resulta preservar para evitar a perda de diversas especies protexidas. Neste sentido, subliñou que estes campos de voluntariado fornecen á mocidade formación en habilidades básicas, ao tempo que gozan de dúas semanas na natureza e con todo tipo de actividades de lecer.
O verán que queres contar
Este campo de voluntariado forma parte da maior campaña de verán do Executivo autonómico. Conta con máis de 10.800 prazas entre campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos Coñece Galicia en establecementos turísticos e prazas para a organización de actividades por parte de entidades sociais.