A Xunta promove un campo de voluntariado na Illa de San Simón con actividades culturais, patrimoniais e medioambientais

Durante case dúas semanas 14 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos realizan talleres, estudos das especies autóctonas e proxectos das propias instalacións

A actividade desenvólvese nunha contorna privilexiada no medio da Ría de Vigo e cunha forte carga simbólica colectiva e histórica

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os 14 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que participan no campo de voluntariado Illa de San Simón. Desde o 1 de agosto ata o venres 12, os e as participantes realizan actividades en plena natureza cun importante valor cultural e patrimonial.

Os mozos e mozas están aloxados nun enclave situado na Ría de Vigo, cunha forte carga simbólica colectiva e histórica. Así, durante a súa estancia, as persoas voluntarias realizan visitas interpretativas e teatralizadas pola illa amosando de forma lúdica o seu pasado e presente. Ademais, catalogan as especies vexetais, instalan carteis interpretativos en formato “QR” e realizan un apoio xeral ao desenvolvemento das actividades culturais levadas a cabo nas instalacións.

Así mesmo, as e os participantes levan a cabo actividades complementarias como a iniciación aos deportes náuticos, ao baile tradicional, estudo dos usos e costumes de pesca da zona, talleres interxeracionais con perspectiva de xénero coas mariscadoras locais ou visitas a atractivos da zona como o castelo de Soutomaior.

Cristina Pichel durante a visita destacou o completo que é o campo de voluntariado Illa de San Simón así como a importancia de cada unha das actividades que se desenvolven, tanto polo seu valor histórico, cultural e medioambiental. Así mesmo, a directora xeral lembrou que iniciativas como esta enmárcanse dentro da campaña de verán do Goberno galego.

/Campo%20de%20voluntariado%202022%20Illa%20de%20San%20Sim%C3%B3n