A Xunta publica a orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF que permitirá poñer á disposición das entidades sociais de Galicia 20,7 millóns de euros
No acto participaron catro entidades perceptoras destas axudas: a Fundación Ronsel, a Asociación Rural Terra e Xente, ACCEM e a Federación de Centros Xuvenís Don Bosco.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas con cargo a casilla social do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) que este ano permitirá poñer á disposición das entidades sociais de Galicia 20,7 millóns de euros. A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou esta mañá nun coloquio con entidades que foron perceptoras da convocatoria anterior.
Nesta primeira orde, o Goberno galego fai un adianto de 11,5 millóns de euros para que as entidades interesadas poidan ir deseñando os programas que van a poñer en marcha con estas axudas. Nos próximos meses esta contía ampliarase ata os 20,7 millóns totais que lle corresponden este ano á nosa Comunidade.
A conselleira agradeceu a todas as entidades que participaron nos pasados anos nesta orde de axudas por crear comunidade e ofrecer solucións ás persoas que, por distintos motivos, precisan de comprensión, asesoramento e axuda. Neste sentido, sinalou que estes fondos permiten ofrecer apoio a persoas maiores, persoas con discapacidade, para a atención á infancia e á xuventude ou para favorecer a inclusión social.
Coloquio na Cidade da Cultura
No coloquio celebrado esta mañá na Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, participaron catro entidades perceptoras de axudas: a Fundación Ronsel, a Asociación Rural Terra e Xente, ACCEM e a Federación de Centros Xuvenís Don Bosco. Fabiola García sinalou que co seu labor Galicia é cada día máis solidaria e un mellor lugar no que vivir.