A Xunta salienta a solidariedade dos voluntarios do programa de acompañamento en hospitais

Esta iniciativa púxose en marcha inicialmente nas áreas sanitarias de Lugo e de Ourense.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou a solidariedade das persoas voluntarias que forman parte do programa da Xunta de acompañamento en hospitais e centros de saúde. Fíxoo durante unha visita aos participantes do proxecto no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.

Fabiola García tivo a oportunidade de coñecer de primeira man os labores que realizan as 40 voluntarias e voluntarios que se encontran no Hospital lucense. De igual forma o fixo hai un par de semanas no Hospital Universitario de Ourense, xa que esta iniciativa estase a desenvolver inicialmente nestas dúas áreas sanitarias.

Este programa de humanización ten como obxectivo axudar ás persoas usuarias do sistema público de saúde, que previamente foron atendidas nos puntos de información polo persoal do Sergas, proporcionándolles información e acompañamento sobre os recursos e servizos existentes nos seus centros de referencia e sempre baixo a coordinación das diferentes xerencias das áreas sanitarias.

Para o desenvolvemento destes labores voluntarios, o Sergas ofrece un programa de formación previo. Ademais tamén se lle ofrecerá un seguro de accidentes e de responsabilidade civil. O prazo de inscrición para participar deste proxecto aínda está aberto e poderá realizarse a través da seguinte ligazón.

/Acompa%C3%B1amento%20en%20hospitais