XUNTOS E VOLUNTARIOS NO NADAL 2022
O obxectivo deste programa é que as persoas maiores que vivan soas poidan pasar acompañadas as festas do Nadal. A convocatoria de 2022 conta con 540 prazas repartidas entre as dúas residencias de tempo libre (RTL) coas que conta a Consellería de Política Social e Xuventude.
Esta iniciativa autonómica ofrece o aloxamento en réxime de pensión completa dende o día 22 de decembro ata o día 7 de xaneiro distribuídos en dúas quendas de 8 días cada unha: do 22 de decembro pola tarde ao 29 de decembro pola mañá, e do 31 de decembro pola mañá ao 7 de xaneiro do 2023 pola mañá.
A maiores de estar aberto a persoas usuarias maiores, este programa tamén favorece a participación de voluntarios e voluntarias, que poden inscribirse para prestar o seu apoio e colaboración nas actividades que se organicen, así como ofrecer a súa compaña ás persoas maiores que alí se atopen.
As persoas voluntarias que participen estarán cubertas pola póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil que ten subscrita a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Así mesmo, os seus gastos de desprazamento dende o seu domicilio ata a RTL que elixan son pola súa conta.
Ao finalizar a súa acción voluntaria, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado inscribirá de oficio a experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
Se estás interesado/a en pasar este Nadal coas persoas que acudan a estas residencias de tempo libre, preme aquí e atoparás toda a información.
O prazo de inscrición remata o 16 de decembro (venres).