Xurado dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2020
De conformidade co disposto no artigo 13 da Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2020 e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 191 do 21 de setembro), o día 8 de outubro de 2020 ditouse a resolución de nomeamento do xurado por parte da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que desempeña a súa presidencia conforme ao citado artigo.
Conforman o xurado dos premios Galicia de Acción Voluntaria as seguintes persoas:
Presidenta: Cristina Pichel Toimil, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.
Mar Lorenzo Moledo, profesora titular de Teoría e Historia da Educación. Acreditada a catedrática de Universidade dende 2014. Na actualidade, Vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos na USC.
María Isabel Doval Ruiz, profesora titular na Facultade de Ciencias da Educación e do Traballo Social da Universidade de Vigo, especialista en novas tecnoloxías aplicadas á educación. Na actualidade, Vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo. Entre as súas competencias figuran as de promoción e xestión dos programas de voluntariado universitario e os plans e proxectos de cooperación universitaria ao desenvolvemento.
Pilar García de la Torre, Vicerreitora de Internacionalización e Cooperación na Universidade da Coruña, Vicerreitora con competencias en Cooperación e Voluntariado na UDC. Representante do Sistema Universitario Galego no Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE) e responsable na UDC do proxecto de fortalecemento da Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento (RGCUD).
Xosé Cuns Traba, director de EAPN Galicia - Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social. Como voluntario participa en varias entidades tanto de cooperación internacional como de acción social.
José Antonio Grandas Arias, subdirector de planificación e protección civil, foi responsable do servizo de formación en emerxencias na AGASP. Medalla de mérito e recoñecemento á antigüidade e constancia no servizo como voluntario de protección civil concedida pola Asociación Nacional de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil de España.
Gloria Enríquez Sanjurjo, responsable de humanización do HULA: Supervisora da Área de Humanización Área Sanitaria Lugo, A Mariña e Monforte. Coordinadora de acción voluntaria e xestión do Voluntariado Gold.
Juana María Tubío Ordóñez, Vicesecretaria da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e Vicepresidenta da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR). Experiencia no ámbito de voluntariado en diferentes organizacións de recoñecido prestixio a nivel autonómico, nacional e internacional. Coordinadora do Servizo de Voluntariado de COGAMI, conta cunha ampla experiencia na participación en diferentes proxectos e congresos de voluntariado a nivel autonómico, nacional e europeo, así como na elaboración e implementación de plans e programas de voluntariado.
Pilar Martínez Sánchez, xefa do servizo de Voluntariado e Participación, como secretaria do xurado.