Programa de voluntariado ambiental interxeracional- VAI 2024
Programa de voluntariado ambiental interxeracional- VAI 2024
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, xunto coa de Medio Ambiente e Cambio Climático, convocan, un ano máis, o programa de Voluntariado Ambiental Interxeracional 2024 en 10 espazos naturais de Galicia. Nesta iniciativa, na que se realizan actividades que impulsan o respecto e o coidado do patrimonio natural galego, ofrécense 130 prazas e a participación é totalmente gratuíta.
Nesta cuarta edición serán un total de 10 actuacións as que se levarán a cabo durante as fins de semana de xullo a setembro.
Están programadas accións no Parque Nacional das Illas Atlánticas (Illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada); nos parques naturais da Baixa Limia e Serra do Xurés, Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra, Monte Aloia, Fragas do Eume, e Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. Os escenarios serán, polo tanto, 10 espazos naturais dos que compoñen o rico patrimonio natural de Galicia.
En cada unha delas, as actividades das persoas voluntarias participantes centraranse na preservación, limpeza e conservación destes espazos, eliminación de lixo de praias, ríos e montes, sensibilización, coñecemento dos ecosistemas, visibilización mediática de rutas e análise de todas aquelas actuacións con posible incidencia no medio natural continental desde un punto de vista técnico, detectando os distintos efectos e/ou impactos ambientais. Ademais, no caso dos espazos naturais, o programa procura fomentar a cooperación e a solidariedade desinteresada desde unha perspectiva interxeracional entre persoas maiores e novas, nun marco de convivencia e intercambio de vivencias neste específico ámbito de actuación, poñendo especial atención nas contornas rurais cercanas e as posibilidades que ofrecen desde esta perspectiva para a mellora do asentamento poboacional.
Requisitos de participación
Os requisitos de participación son os seguintes:
-
Ter 18 anos cumpridos
-
Residir na Comunidade Autónoma de Galicia
-
Cumprimentar o formulario de inscrición
A Xunta de Galicia cubrirá os gastos de desprazamento (transporte desde Santiago de Compostela no caso dos Parques Naturais e barco no caso dos Parques Nacionais, segundo se detalle en cada ficha descritiva da actuación), manutención, aloxamento, seguros e actividades formativas. Cada participante deberá levar os seus útiles de aseo persoais, así coma calzado e roupa axeitada para actividades ao aire libre.
Prazo de inscrición
O prazo de inscrición comeza o 17 de xuño (só aparecerán as quendas con prazas vacantes).
Para ampliar as posibilidades de participación das persoas interesadas, cada persoa voluntaria poderá anotarse en dúas accións como máximo.
Se o grupo de persoas inscritas nunha actividade excede do máximo permitido para cada zona, a selección realizarase por rigorosa orde de inscrición.
Pechada a inscrición por esgotarse as prazas dispoñibles e completarse as listas de reserva. Para o caso de que estas últimas se esgoten nalgunha acción, abrirase un novo prazo de inscrición a través desta web.
Lugares onde se desenvolverá o programa:
|
Espazo Natural |
Prazas |
Quendas |
Datas |
|
Parque natural Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán |
15 |
1 |
Do 5 ao 7 de xullo |
|
Parque natural Serra da Enciña da Lastra |
15 |
1 |
Do 12 ao 14 de xullo |
|
Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia Illa de Sálvora |
10 |
1 |
Do 19 ao 21 de xullo |
|
Parque Nacional marítimo-terreste das Illas Atlánticas de Galicia Illa de Cortegada |
10 |
1 |
Do 26 ao 28 de xullo |
|
Parque natural Monte Aloia |
15 |
1 |
Do 2 ao 4 de agosto |
|
Parque natural Fragas do Eume |
15 |
1 |
Do 9 ao 11 de agosto |
|
Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia Illa de Ons |
10 |
1 |
Do 23 ao 25 de agosto |
|
Parque natural O Invernadeiro |
15 |
1 |
Do 30 de agosto ao 1 de setembro |
|
Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia Illas Cíes |
10 |
1 |
Do 6 ao 8 de setembro |
|
Parque natural e Reserva da Biosfera de Baixa Limia-Serra do Xurés |
15 |
1 |
Do 13 ao 15 de setembro |
