PROGRAMA DE VOLUNTARIADO NOS ESPAZOS XOVE DA REDE GALEGA DE CENTROS XUVENÍS

A Dirección Xeral deXuventude, Participación e Voluntariado ten en marcha un programa de voluntariado nos Espazos Xove da Rede Galega de Centros Xuvenís para persoas maiores de 18 anos. 

Con este programa preténdese fomentar a participación e solidariedade entre a poboación, adquirir unha formación non formal no ámbito das actividades formativas e lúdicas que se realizan nos Espazos Xove e servir de plataforma para o desenvolvemento dunha cidadanía dinámica, participativa, solidaria e comprometida. 

Cada Espazo Xove require a colaboración de ata tres voluntarios en horario flexible de 08:30 a 22:30 h (no verán só de 08:30 a 15:00) para realizar as seguintes tarefas:
    • Colaborar na elaboración e dinamización da información xuvenil nos Institutos, centros culturais, parroquias e concellos que abarca o Espazo Xove.
    • Colaborar nas actividades organizadas polo Espazo Xove.
    • Propoñer actuacións para desenvolver nos espazos que redunden en benefício da mocidade da zona. 
    • Colaborar e propoñer actividades que fomenten a participación e a creatividade. 
    • Colaborar na organización de talleres , actividades de solidariedade, campañas informativas, etc... 
    • Colaborar e propoñer todas aquelas iniciativas que sexan de interese para a poboación xuvenil e que redunden nunha mellora dos servizos que ofrecen e poidan ofrecer os Espazos Xove. 
      
Beneficios para as persoas voluntarias: 
As persoas voluntarias adquiriran experiencia no ámbito xuvenil, na organización, xestión e dinamización de programas e actividades que se desenvolvan nos Espazos Xove o que redundará nunha maior riqueza persoal. 

Ao finalizar a súa colaboración a persoa voluntaria recibirá da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado un certificado que acreditará a súa experiencia neste programa.
 
*En ningún caso se sufraga o gasto do desprazamento dende a residencia da persoa voluntaria ata o Espazo Xove no que queira colaborar.