REDE DE CENTROS ESCOLARES SOLIDARIOS

O programa Rede de Centros Escolares Solidarios é unha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que pretende descubrir o voluntariado ao alumnado de educación secundaria, bacharelato, formación profesional e de adultos de Galicia e animalos a comprometerse. Actualmente a este programa os centros educativos poden inscribirse a través do Plan Proxecta.

O principal obxectivo do programa é promover valores de solidariedade, participación, compromiso social e voluntariado entre a comunidade educativa (pais, nais, profesorado e alumnado), e favorecer que os e as escolares se comprometan como voluntarios e voluntarias, a través dunha metodoloxía activa e participativa que fomente o traballo en equipo e achegue ao alumnado a realidade do voluntariado.

O programa pretende establecer vínculos entre as organizacións sociais e os centros educativos, e amosar que os mozos e mozas, xa desde a escola ou o instituto, son capaces de ofrecer un servizo valioso e necesario á sociedade.

Cada centro escolar pode desenvolver con liberdade o seu proxecto solidario ou programa propio de voluntariado, na dobre modalidade:

  • Proxecto único que repercute no mesmo centro ou no seu alumnado, a través dunha serie de accións voluntarias levadas a cabo polos rapaces e rapazas que incidan no coidado das instalacións, deseño de blogs, actividades fóra do centro escolar, elaboración de materiais multimedia,..., ou no apoio doutros alumnos: nas tarefas escolares, nenos/as con necesidades específicas, alumnado de novo ingreso, ...

 

  • Proxecto realizado en colaboración cunha entidade inscrita no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, de xeito que os rapaces/as realicen actividades solidarias a favor da entidade de acción voluntaria. As actividades poderían ser moi variadas, e sempre en función da entidade destinataria: facer unha tómbola para conseguir fondos, organizar unha obra de teatro, concerto de panxoliñas no Nadal, …

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado prestará apoio e asesoramento en todo momento aos centros escolares que se adhiran ao programa.

Valoraranse todos os proxectos solidarios levados a cabo ao amparo deste programa, en recoñecemento ao labor solidario das e dos rapaces e rapazas e ao bo facer das accións desenvolvidas.
 

Os centros que participan este curso 2023-2024 no programa son

- IES A Pinguela (Monforte de Lemos)

- CPR San Miguel (Vigo)

- CPR Plurilingüe Barreiro (Santo André de Valadares)

- IES A Sardiñeira (A Coruña)

- CPR Plurilingüe Divina Pastora (Ourense)

- CIFP Paseo das Pontes (A Coruña)

- IES Concepción Arenal (Ferrol)

- CPI de Padrenda- Crespos (San Xoán de Crespos)